publicidade hoxe

Sober celebra en abril o mes dos libros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober organiza en abril o Mes dos Libros, un conxunto de actividades nas que a lectura é a protagonista. A primeira delas será este venres día 17 na Biblioteca Pública Municipal coa celebración dun obradoiro baixo o título Os libros indispensables no que se lerán aqueles volumes preferidos para os nenos e nenas e para os maiores. Ao longo de 2015 farase unha librería na que se colocarán todos os tomos cos títulos e autores que propoñan todas as persoas que participen na actividade.

O día 22 de abril celebrarase o Día do libro cunha lectura conxunta na que van participar os membros do Club de Lectura Pintor de Castinande e os alumnos do 1º de BAC do IES A Pinguela de Monforte, acompañados da súa mestra Mª José Vidal. Será ás 19:00 horas na Biblioteca Pública Municipal.

O xoves día 23 todas as persoas que se acheguen á Biblioteca levarán un libro como agasallo. Tamén se liberarán novos volumes no parque infantil dentro da actividade de bookcrossing. Ás doce do mediodía o programa da Xunta de Galicia Cultura no Camiño trae a Sober BocAberta, unha actividade de contacontos que interpretará Carmiña Miudiña e A pinga aventureira.

O venres día 24 os nenos e nenas que participan nas Merendas con contos serán os encargados de organizar o III Mercadiño de libros.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca as actividades que se poñen en marcha este mes “para axudar a espallar a importancia da lectura entre os máis novos e tamén entre os maiores”.

 

16 de abril de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.