publicidade hoxe

San Sadurniño busca a implicación xuvenil na creación de programas específicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan SadurniñoXuventude
A-
A+

O Concello lanzou esta semana unha convocatoria dirixida á xente nova co obxectivo de implicala no deseño e na planificación de actuacións para a mocidade. O persoal técnico dos departamentos de Cultura, Deportes, Igualdade, Educación, Aula CeMIT, Orientación laboral e Desenvolvemento local deseñou un proxecto básico que agora se quere discutir e adaptar ás necesidades da poboación de entre 12 e 35 anos. E para iso este venres celebrarase unha xuntanza de toma de contacto e de intercambio de impresións aberta á xuventude de San Sadurniño e tamén a aquelas persoas novas que, aínda non sendo de aquí, teñan vínculos co territorio. A reunión terá lugar no salón de plenos e comezará ás 21.00h. 

O persoal municipal deseñou a xuntanza para escoitar propostas e alternativas tomando como base o programa estratéxico de actuacións para a mocidade deseñado nos últimos meses. O documento de traballo parte da base da realidade demográfica de San Sadurniño, na que arredor do 18% da poboación (IGE, 2014) ten entre 15 en 35 anos, pero tamén do feito de que boa parte da programación municipal se ocupou ata o momento de afianzar a oferta para a infancia e as persoas maiores desas idades, sobre todo para as de 50 anos en diante.

De aí que agora se queiran sentar as bases do que será un programa municipal estable para a mocidade e, nese sentido, o borrador elaborado polas distintas áreas recolle propostas que abranguen o lecer activo, a formación, o emprendemento e o impulso de agrupacións xuvenís para a posta en marcha de proxectos. De todas estas cuestións falarase coa xente nova este venres ás 21.00h no salón de plenos do Concello. O obxectivo principal da convocatoria é escoitar opinións e propostas novidosas e, máis que nada, alcanzar a implicación xuvenil nos proxectos, xa sexa cunha participación activa no seu desenvolvemento ou con ideas frescas e creativas que teñan tirón entre a mocidade. 

A xuntanza está aberta a persoas de San Sadurniño que estean na banda de idades entre os 12 e os 35 anos, pero tamén a quen teña vínculos de calquera tipo co municipio -familiares, escolares, deportivos, de amizades- ou que simplemente se mova habitualmente pola zona.

Na xuntanza tamén se aproveitará para facilitar información sobre os programas da Xunta de Galicia “Iniciativa Xove” e “Deseñando o teu futuro”,cos que, por unha banda, a xente nova pode obter finanzamento para actividades autoorganizadas en pequenos grupos e, pola outra, participar en prácticas laborais en empresas locais. Quen queira obter máis datos sobre estes programas ten dúas opcións: acudir á xuntanza deste venres no salón de plenos ou ben contactar coa Oficina de orientación laboral a través do teléfono 981 490 027 (ext.2).

16 de abril de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.