Quedou en liberdade o frade do Cebreiro acusado de abuso sexual
O Xulgado de Instrución de Becerreá emitiu un auto de liberdade provisional para o frade franciscano que se facía cargo do santuario de O Cebreiro (Lugo) que fora encarcerado en Bonxe acusado de abusos sexuais a un minusválido psíquico e a unha menor.
Segundo ratificou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o auto ditouse o pasado venres con orde de afastamento das vítimas e do propio termo municipal lucense de Pedrafita.
José Q., de 57 anos, abandonou na pasada xornada a prisión de Bonxe. Fora detido a finais de febreiro e, na súa declaración ante o xuíz de Becerreá, recoñeceu manter relacións sexuais consentidas cunha moza de 17 anos.
Non obstante, negou abusar dunha persoa minusválida e pagar as vítimas para manter relacións sexuais.
Tamén a moza incidiu na súa declaración en que as relacións co frade eran consentidas e sen que mediasen pagamentos, se ben admitiu que este lle daba pequenas cantidades de diñeiro a xeito de axuda económica á súa familia.