publicidade hoxe

Publicada a solicitude de aproveitamento das augas mineiro-medicinais das Lombas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a solicitude do Concello de Catoira para o aproveitamento das augas mineiro-medicinais do pozo As Lombas, así como a proposta do perímetro de protección para o acuífero.

O Concello de Catoira, propietario dos terreos onde se sitúa o pozo, pretende reactivar a explotación balnearia que no seu día houbo en Catoira, pero mellorando as condicións de uso e aproveitamento da auga en tratamentos de afeccións dérmicas, respiratorias, do aparato dixestivo, hepáticas, stress, etc. Así, Catoira quere posicionarse novamente no turismo de saúde, a través da construción dun hotel balneario cunha proposta atractiva, singular, novidosa e innovadora, para o cal conta con recursos e atractivos turísticos de entidade, tanto dentro do propio municipio como no entorno inmediato, e con augas termais de gran calidade, que constitúen a base referencial do proxecto.

As futuras instalacións balnearias estableceranse nunha parcela de tres hectáreas. A superficie do balneario será de 800 m2 e prevense as seguintes instalacións para tratamentos: piscina climatizada, sala de inhaladores pulverizadores, bañeiras automatizadas e de hidromasaxe, equipos de masaxe, salas de lodo, axitador de lodo, chomatherm, ducha jet tribuna, aerosois alimentados por auga termal, ducha para fusión e masaxe baixo a auga, pedi-minidouche, jacuzzi, sala de repouso, despacho consulta médica.

Tamén se prevé a comercialización de auga envasada, xa que, segundo as análises efectuadas polo laboratorio Óliver Rodés, reúne os requisitos para ser declarada auga mineral natural.

O establecemento balneario terá capacidade para 150 prazas e estímase que o número de persoas que utilizarán as instalacións de tratamento e relax será de 200 persoas diarias. Estas novas instalacións contribuirán a reforzar e aumentar a importancia de Galicia no sector das augas termais.

O proxecto suporá un investimento de 5.170.000 euros. Estímase unha recuperación do investimento en oito anos.

21 de abril de 2015 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.