publicidade hoxe

Pazos de Borbén impulsa un programa para concienciar aos máis novos sobre a igualdade e a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén está decidido a combater a desigualdade e a violencia de xénero desde a máis temperá idade. Para iso impulsou, en colaboración co C.P.I. Curros Enríquez de Pazos de Borbén e a Deputación de Pontevedra, unha serie de talleres para concienciar aos máis novos do municipio e fomentar a igualdade de xénero desde a escola. O programa, no que participarán máis de 100 alumnos de primaria e secundaria, desenvolverase nas propias aulas do centro escolar. A primeira sesión celebrarase este venres cun seminario dirixido a comprender a magnitude do problema da desigualdade. O ciclo finalizará o 25 de novembro, Día Mundial contra laViolencia de Xénero, no salón de actos da Casa do Concello coa proxección dun pequeno vídeo non sexista realizado polos nenos.

O proxecto xorde da colaboración entre os Servizos Sociais do Concello de Pazos de Borbén e a directiva do centro escolar, ante o alarmante aumento de comportamentos sexistas entre os máis novos, especialmente nas redes sociais, e a necesidade de atallar o problema desde a base educacional como medida óptima de prevención a longo prazo. O obxectivo principal da iniciativa é sensibilizar e formar aos adolescentes para buscar a igualdade de xénero converténdoos en parte activa do proceso así como fomentar a coeducación entre ambos os sexos.

O proxecto desenvolverase nas aulas do C.P.I. Curros Enríquez e está destinado aos 102 alumnos do centro en 6º de primaria, 1º, 2º, e 3º da E.S.O. En total realizaranse tres talleres principais dunha hora aproximada de duración, ademais das sesións necesarias para realizar a gravación do vídeo non sexista protagonizado polos alumnos, e estarán dirixidos por persoal profesional da Asociación polaIgualdade e a Coeducación (APICO).

O primeiro taller impartirase este venres, 10 de abril, e traballará en aspectos craves para comprender o fenómeno da violencia de xénero. Os pequenos abordarán temas como os estereotipos sexistas, o patriarcado ou a publicidade sexista. A segunda sesión centrarase nas situacións de malos tratos, como evitalas e técnicas de autoprotección, tanto desde o plano físico como o psicolóxico. A última sesión destinarase á aplicación práctica do cambio de mentalidade e nela os alumnos terán que elixir entre diversas posibilidades, a realización dun pequeno curto, a gravación dun anuncio publicitario, un vídeo clip dunha canción de moda e con cambio de letra…todas elas desde unha perspectiva non sexista e crítica cos estereotipos de xénero. A actividade seleccionada proxectarase en día 25 de novembro, como conmemoración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero, no Salón de Actos da Casa do Concello de Pazos de Borbén, onde se farán pequenas intervencións sobre o apreso no proxecto e exporanse os traballos realizados polos alumnos.

7 de abril de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.