publicidade hoxe

Os viños da D.O. Ribeiro regresan a Madrid ao enoFestival 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorRibadavia
A-
A+
Viños do Ribeiro en Madrid

Viños do Ribeiro en Madrid

O C.R.D.O. Ribeiro viaxa de novo a Madrid acompañado por cinco das súas adegas para ser de novo un dos protagonistas da cuarta edición do enoFestival onde presentará os seus produtos mentres os asistentes bailan ao ritmo de, entre outros, os grupos galegos Puma Pumku e Alex Casanova.

Este Consello Regulador e as súas adegas decidiron repetir por segundo ano a súa asistencia ao enoFestival para dar apoio este tipo de eventos dentro do ámbito cultural en todas as súas facetas e en especial para dirixirse ao sector novo con cultura e inquietudes enogastronómicas e poder incrementar neles o coñecemento duns viños coa maior tradición e historia de Galicia.

O obxectivo principal é compatibilizar a arte, a cultura, a música e un consumo responsable de viño e así potenciar a accesibilidade ao entendemento do viño sen tecnicismos, para que o consumidor valore, entenda e goce plenamente de produtos tan diferenciados como son os viños das 110 adegas desta Denominación de Orixe.

Os viños D.O. Ribeiro son internacionalmente recoñecidos, valorados con puntuacións excepcionais por Robert Parker, no Concurso Mundial de Bruxelas, no Decanter, no Mundus Vini, entre outros. Todo isto débese principalmente á diferenciación dos viños polo seu carácter nado do coupage de variedades autóctonas, nas que sempre reina a Treixadura, acompañada doutras como Albariño, Godello, Loureira, Lado… buscando sempre o equilibrio nos viños.

RIBEIRO SABE A MÚSICA

Ribeiro Sabe a Música. Por iso presenta os viños de cinco adegas da Denominación de Orixe (Adega Alanís, Adegas Campante, Adegas Casal de Armán, Pazo Casanova e Viña Costeira) neste evento que combina a boa música, os bos viños e a xente nova. O público poderá gozar da maxia do Ribeiro harmonizada coa mellor música.

ENOFESTIVAL 2015

Mañá, 11 de abril de 2015 celebrarase a IV edición do enoFestival no Círculo de Belas Artes de Madrid. O único Festival de Música Independente co que se promove a cultura do viño a través da promoción exclusiva do consumo responsable desta bebida.

O enoFestival 2015 volverá celebrarse en horario de 13.00 a 01.00 intercalando as catas dirixidas de viño cos concertos de artistas destacados do panorama independente español.

O cartel artístico para o 2015 estará formado polos seguintes artistas: Airbag, Eles, Tulsa, Puma Pumku, The Winemakers, Alex Casanova, Morrigans…

10 de abril de 2015 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.