publicidade hoxe

Os veciños de Teo xa poden visitar a exposición Libros de Aquí

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Desde onte xa se pode visitar, no horario habitual de funcionamento da Medicateca do Grilo, a exposición Libros de Aquí. Esta exposición, que vai xa pola súa terceira edición, ten como obxectivo poñer en valor e facer visibles as múltiples obras de autores e autoras naturais e residentes en Teo. Nesta edición do 2015 son nove as persoas das que se expoñen os seus traballos, algúns que fan creación literaria, outros que fan investigacións en diferentes áreas do saber.

Este ano conforman a exposición a catedrática da Universidade Paul-Valéry de Motpellier, Carmen Alén Grabato, a filóloga e xornalista, Claudia Castro, o membro da Real Academia Galega, Salvador García-Bodaño, o mestre afeccionado á pintura, Guillermo González Raviña, o asesor lingüista, Paulino Novo Folgueira, o Catedrático de Filoloxía Galega da USC e membro da RAG, Xosé Luís Regueira Fernández, a doutora en Economía, Rosa María Regueiro Ferreira, o doutor e enxeñeiro químico, Héctor Rodríguez Martínez e o filólogo Xesús Manuel Valcárel.

O alcalde, Martiño Noriega, manifesta sobre a exposición que “neste lugar de encontro teñen acubillo homes e mulleres cun lugar de privilexio reservado no universo da cultura galega e tamén traballos de homes e mulleres merecentes de ser divulgados entre a cidadanía do Concello”. Pola súa banda a concelleira de Cultura e impulsora da exposición, Carme Hermida fai referencia á cantidade e calidade do material recollido “a gran cantidade de material atopado –velaí a fartura de vivirmos nun dos concellos con maior nivel sociocultural de Galicia- obrigounos a concibir unha mostra denominada Libros de aquí que, xa desde o seu inicio, se deseñou con varias edicións”.

Certame Canción de Autor

O II Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’ celebra a súa gala final este sábado día 25 de abril. Esta fase do concurso contará con 8 finalistas de “grande calidade”, tal e como afirma o director artístico do dito Certame, Xoán Curiel. A cita será ás oito do serán no Auditorio da Ramallosa e a entrada é de balde. Ademais, o público terá un papel moi importante, xa que será quen outorgue o accésit á mellor canción e á/ao mellor artista.

Na dita gala, os oito finalistas: Sofía Espiñeira, Laura Iglesias, Noé Subiela, Isis, Pilar Martínez, Lucía da Fonte, Sandra Tenreiro e Umbra, disporán de oito minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade. Como novidade, o público poderá dar dous accésits, sendo un deles á mellor canción —e non á canción orixinal tal e como si se fixera na pasada edición do Certame.

Desde a organización animan a calquera persoa interesada a se achegar á xornada decisiva do concurso, que se converterá nunha «festa da música e a palabra». A gran final comezará ás 20 h no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello, e as entradas son de balde. A gala terá unha duración aproximada de dúas horas.

Tal e como afirma Xoán Curiel, a elevada calidade das e dos participantes fixo “moi difícil” o traballo do xurado formado polo propio cantor fonsagradino, pola Concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, pola artista Najla Shami, o xornalista Juan Torreiro e a xestora musical Inés Portela.

O II Certame de Canción de Autor en galego ‘Concello de Teo’ está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo. Para todos eles, o agradecemento de Xoán Curiel, xa que «sen a súa implicación non sería posible organizar este evento».

O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun EP. Ademais, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción na prensa.

Tanto para os que chegaron á final como para os que non, Xoán Curiel mostra a súa «satisfacción» porque estes traballos serviron para visibilizar os e as creadoras noveis do noso país.

Contacontos na Mediateca do Grilo

O Contacontos de libros contentos, de Carmen Domech da Compañía de Títeres Cachirulo, preséntase o domingo ás 12 na Mediateca do Grilo, destinado a un público infantil e familiar.

24 de abril de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.