publicidade hoxe

Os tres concellos da Louriña unen esforzos para previr o consumo de alcol entre os menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosO PorriñoSalceda de Caselas
A-
A+

Máis de 400 escolares dos concellos do Porriño, Mos e Salceda de Caselas participaron esta mañá na actividade que daba o pistoletazo de saída á campaña de prevención “Cero gotas. Infinitas ideas”. Os tres concellos da comarca da Louriña unen forzas por un obxectivo común: previr o consumo de alcol entre os mozos e propiciar alternativas de lecer saudable.

Despois dunha longa traxectoria no ámbito da Prevención de Drogodependencias, o Concello do Porriño, en colaboración coa Xunta de Galicia, únese aos concellos de Mos e Salceda de Caselas para achegar a prevención aos diferentes centros educativos.

“Desde o Concello do Porriño consideramos esencial priorizar a prevención como a estratexia máis efectiva. Os nosos mozos son o mundo de mañá, e é noso deber ensinalos e informarlles a este respecto para facilitar que poidan tomar decisións responsables”, explica o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “con campañas como esta reforzamos o noso compromiso en seguir desenvolvendo actividades de concienciación, prevención e fomento de condutas e hábitos saudables entre os mozos, así como o noso empeño de mostrar á mocidade porriñesa que é posible un lecer libre de consumo de bebidas alcohólicas e outras drogas”.

Así, entre outras iniciativas que inclúe o programa, onte celebrouse a primeira das Discoactividades na que participaron os alumnos de 2º da ESO dos sete centros de Educación Secundaria da comarca. Os escolares gozaron dunha sesion Disco na sala Eclipse de Salceda de Caselas, esctucturada en diferentes actividades cun obxectivo común: que os mozos e mozas interioricen dun modo vivencial o positivo dunha diversión sa.

“Nestas xornadas apostamos por un cambio no modo de transmitir a mensaxe á mocidade. Ao tratarse dunha actividade divertida e participativa, fóra da contorna escolar, a motivación e a receptividade dos mozos e mozas verase aumentada.”, explica Antía Estévez, Educadora Social da UAD do Porriño e coordinadora do proxecto.

A edil de Benestar Social, Teresa Veloso, quixo recalcar a importancia de facer chegar a mensaxe á mocidade, “A naturalización do consumo de alcol na nosa sociedade e a falta de conciencia das graves consecuencias físicas e sociais que este produce, fai que o efecto negativo que pode ter sobre as nosas relacións persoais ou a vida cotiá resulte difícil de advertir polos nosos mozos”, explicou, “hai que facerlles entender que existen estas consecuencias”.

Cabe destacar que non se trata dunha actividade illada, estas xornadas forman parte dun programa máis completo, que abarca diferentes iniciativas para achegar a prevención aos diferentes sectores poboacionais dos tres municipios.

Entre outras, destaca a charla que levará a cabo tamén en abril, dirixida aos pais e nais cun invitado de excepción: Manuel Isorna Folgar, Psicólogo Técnico do Plan de Prevención de Drogodependencias de Catoira, Caldas de Reis e Pontecesures e profesor asociado na Universidade de Vigo.

Música, baile e teatro para potenciar o lecer e a diversión saudable

Se onte foron os alumnos de 2º Curso da ESO quen levaron a cabo a actividade, a próxima semana serán máis de 600 alumnos de 3º e 4º da ESO quen participen, ao dirixirse cada unha das xornadas a un único nivel. A sala Studio 57 do Porriño será escenario das diferentes actividades deseñadas para que os mozos deixen ao carón a timidez e se relacionen divertíndose. Así, conséguese crear a actitude necesaria para poder traballar os temas principais que alí os levaron: previr o consumo e abuso de alcol e potenciar o positivo de ter un lecer e unha diversión sa, onde as actividades físicas e artísticas entran en xogo dun modo fantástico.

A xornada celebrada onte incluíu diferentes actividades de dinamización, baile, e música.

A media mañá, Marcelo Vidal, mestre da escola de Hostalaría do Instituto Lamas de Abade que conta cunha longa traxectoria na colaboración e Prevención de Drogodependencias, impartiu aos escolares unha charla sobre os efectos do consumo de alcol. Marcelo e o seu equipo disertaron cos mozos e mozas sobre como o abuso do alcol masivamente os fins de semana pode afectar as idades que eles se atopan, tanto a nivel físico como cognitivo. Ademais, mostroulles alternativas de consumo, cun taller de cócteles e bebidas saudables que posteriormente puideron degustar.

 

10 de abril de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.