publicidade hoxe

Os estudantes de Betanzos aprenden a obter seda con “Enredando, artesanía na escola”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

O CEIP Franscico Vales Vilamarín de Betanzos acolleu hoxe o proxecto Enredando, artesanía na escola, que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e que durante este trimestre está a permitir a alumnos de 16 colexios de toda Galicia aprender a obter seda. O obxectivo desta iniciativa é achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia.

Coa segunda parte da unidade didáctica O gremio da seda, que vén de pasar por outros tres centros da provincia (o CEIP Oza dos Ríos de Oza- Cesuras, o CEIP de Teixeiro, en Curtis, e o CEIP de Présaras, en Vilasantar), o alumnado que xa participara anteriormente no proceso de coidado e a evolución dos vermes da seda coñece da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío de seda.

Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxo comezo está previsto no vindeiro mes de maio

Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito a man, así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Tamén impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do Plan de Artesanía de Galicia, co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

27 de abril de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.