publicidade hoxe

O PSOE denuncia que o alcalde de Miño puxo en perigo as mámoas da Fraga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+

Entre os restos castrexos atopados hai anos en Miño están as mámoas da Fraga, lindeiras co club de golf. Na última das súas visitas á zona, membros da agrupación socialista local descubriron con estupor que se levaron a cabo actuacións con maquinaria no terreo no que se sitúan estes restos arqueolóxicos de gran valor. Desde o PSOE de Miño laméntase o pouco respecto co que o alcalde trata o patrimonio.

Os socialistas de Miño denuncian que a limpeza da área con maquinaria é unha actuación totalmente prohibida. Lembran que calquera acción deste tipo require dun permiso previo de Patrimonio e que un arqueólogo determine como se deben realizar os labores ademais de que nunca levan a cabo empregando maquinaria, se non dun modo manual.

Permitiuse a deterioración dos paneis informativos dos que quedan apenas os postes que os sostiñan. Deste xeito, as mámoas perden interese e pasan desapercibidas cando precisamente están nun lugar visible, accesible (xunto ao club de golf) e no que resultaría fácil sacarlle partido á súa existencia en termos non só culturais, senón tamén turísticos, por exemplo, incorporándoas a algunha ruta.

Unha vez máis o goberno de Veiga non é capaz de ver o potencial que atesoura Miño, de darlle a relevancia que merece, e de ter presente o que a contorna pode achegar aos veciños e tamén, neste caso, ao resto da comarca.

Piden que se volvan a protexer convenientemente e se sinalice a súa existencia

Reclaman que, como mínimo, se restitúan as condicións de coidado e sinalización que tiñan estes restos arqueolóxicos.

Manuel V. Faraldo, portavoz e candidato socialista no Concello de Miño, pregúntase “que se fará con aqueles elementos do patrimonio miñense que estean menos visibles, cando se realiza unha acción deste tipo cuns restos arqueolóxicos de gran interese que estaban á vista de todos, que foran postos en valor e que contaban con paneis señalizadores”.

Tras o paso da maquinaria pola zona, no caso do túmulo máis grande, deixouse ao descuberto a parte da grava que se introduciu no seu día baixo a cuberta vexetal como elemento protector dos niveis máis sensibles do túmulo, deixándoo por tanto desprotexido.

11 de abril de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.