publicidade hoxe

O pleno de Cervo aproba a Conta Xeral con cinco meses de antelación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

A corporación municipal debateu hoxe en pleno a Conta Xeral de 2014, un documento fundamental na xestión das arcas municipais que fala da situación económica e financeira ao remate do exercicio e que amplía os datos da Liquidación.

Neste caso, o pleno aprobou a Conta Xeral con 5 meses de antelación ao que marca a Lei de Facendas Locais, que establece que este documento ten que ter a aprobación da corporación antes do 1 de outubro. Ademais, a lei marca que a Conta Xeral tense que remitir ao Consello de Contas antes do 15 de outubro. Un trámite que o Concello fará en breve co que tamén cumprirá co prazo con moito tempo de antelación.

En canto ás cifras, cabe destacar que ao igual que na liquidación, todas as magnitudes teñen signo positivo. A situación das arcas é de superávit, cun indicador de estabilidade orzamentaria que ascende aos 668.282 euros. Esto significa que o Concello ten capacidade para autofinanciarse sen ter que recorrer a novos préstamos bancarios.

Outras magnitudes importantes e en positivo son o remanente de tesourería para gastos xerais, que ascende a 1.505.026 euros, ou o resultado orzamentario axustado, en 581.601 euros. Unha situación económica e financeira “de tranquilidade, estabilidade e equilibro nas contas que se vén mantendo nos últimos anos” asegura a edil de Facenda, Yolanda Pedreira.

Ademais, durante a sesión tivo lugar o sorteo dos presidentes, vocais e suplentes para as mesas electorais de cara ás eleccións do 24 de maio.

28 de abril de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.