publicidade hoxe

O Pleno da Deputación de Lugo acorda esixir ao Concello de Castro de Rei o desbloqueo do Centro de Recría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLugo
A-
A+

O Pleno provincial celebrado hoxe, o derradeiro ordinario antes das eleccións municipais do 24 de maio, acordou esixir ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a posta en marcha do Centro de Recría realizando a acta de comprobación das obras, trámite municipal imprescindible para o comezo da actividade no Centro.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, instaba ao rexedor de Castro de Rei, o Deputado provincial Francisco Balado, a que o Concello comprobe que as obras se axustan ao proxecto. A Deputación xa remitiu hai meses toda a documentación necesaria, tal e como demostrou Méndez: o 28 de xaneiro presentaba o preceptivo informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, que determinaba que a planta de biogás, non só respectaba, senón que melloraba os aspectos relativos ao cumprimento da lexislación en materia ambiental. O 9 de febreiro achegaba un novo escrito co que solicitaba de xeito expreso a expedición da acta de comprobación de obras.

A posta en marcha das instalacións seguen bloqueadas a día de hoxe pola inacción do Concello. Méndez lamentaba este novo retraso, logo de que o organismo provincial tivera que agardar máis dun ano polo informe ambiental deste Centro. A Vicepresidenta lembraba que o Goberno provincial afrontou a inversión en solitario con 12 millóns de euros, xa que a Xunta non apoiou este proxecto, puidendo investir 141 millóns de euros de fondos europeos que finalmente perdeu.

Unánime apoio ao lácteo

O Pleno tamén aprobou, neste caso por unanimidade, unha moción para esixir ao Goberno de Rajoy a protección dos produtores de leite fronte aos posibles abusos da industria, e instar á Xunta a convocar coa máxima urxencia unha mesa encargada de elaborar un contrato homologado para todos os gandeiros galegos.

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, destacou a necesidade de facer efectiva esta protección nun momento complicado para o sector, tendo en conta factores como a eliminación do sistema de cotas lácteas o pasado 1 de abril; a caída do prezo do leite en orixe ou a ineficiente e inxusta repartición das axudas da nova Política Agraria Común.

Entre as medidas propostas figuran a introdución da figura do mediador; o control da rebaixa do leite como reclamo nas grandes superficies; a mellora da etiquetaxe para coñecer a orixe do leite ou o establecemento de fortes sancións para as industrias que continúen con prácticas abusivas, como fixar dobre prezo ou impoñer contratos de menos dun ano, como destacou Santos.

Ratificado o acordo sindical maioritario

Por outra banda, o Pleno ratificaba un acordo en materia de persoal aprobado polo 70% dos representantes sindicais da Deputación, consistente nunha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) para incluír melloras salariais para os traballadores dos grupos inferiores, e dar a oportunidade de optar a Experto a todas as categorías laborais, pois ata o de agora está limitado para auxiliares e administrativos.

Esta mellora beneficiará de xeito directo a un total de 331 traballadores, dos que 112 cobran menos de 24.000 euros anuais, e serán posibles “mantendo a previsión de gastos para este ano e respectando o compromiso da débeda cero”, subliñou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

É importante subliñar que a Deputación non incrementa nin un só euro o Capítulo de Gastos de Persoal, xa que a amortización de prazas innecesarias fai posible investir estes cartos en mellorar as condicións laborais doutros traballadores.

Besteiro destacou, ademais, que nos últimos oito anos o Goberno provincial mantivo sempre a súa aposta polos acordos maioritarios, a negociación constante e a progresiva mellora das condicións dos traballadores. Gómez Besteiro fixo especial fincapé en que “o que non se pode consentir son os ataques aos funcionarios públicos”, transmitindo a idea de que estes van recibir uns sobresoldos desorbitados.

Trátase dun axuste puntual da RPT cos seguintes obxectivos:
1º.- Atender ás necesidades de reorganización administrativa demandadas polas distintas Áreas e Servizos.

2º.- Reforzar os sectores estratéxicos e os postos de maior responsabilidade e dedicación da entidade: vinculando o réxime retributivo coa importancia estratéxica do servizo e xefatura, responsabilidade, dispoñibilidade e transcendencia das decisión a adoptar.

3º.- Mellorar as oportunidades de promoción profesional dos traballadores dando a oportunidade de optar ao nivel de Experto a todas as categorías laborais.

A modificación mais importante e de maior transcendencia estratéxica é a extensión do nivel EXPERTO a todos os postos de traballo non singularizados (sen xefatura) da Deputación, que representan un 68,2 % de todos os postos da RPT e alcanzan a  331 EMPREGADOS, dun total de 481.

Ao mesmo, tempo, e complementando a medida anterior, dótanse no nivel experto 31 postos de traballo, o que supón atender a 32% dos empregados que acreditan 18 anos de antigüidade, requisito indispensable para acceder a ese nivel.

Así mesmo,  constátase que o 100% dos niveis de experto creados vinculase a postos cuxas dotacións son inferiores a 24.000 euros anuais, tal como se pode constar analizando o cadro seguinte:

CREACIÓN DO NIVEL DE EXPERTO NOS SEGUINTES POSTOS

TEMA/PETICIÓN

NIVEL

Dotación anual posto

Administrativos

C1

4

23.805,74

Guías

C1

4

23.805,74

Auxiliares

C2

4

19.577,10

Auxiliar Enfermaría

C2

1

19.577,10

Auxiliar de Recepción

C2

1

19.577,10

Oficiais da U. de Mantemento

C2

5

19.577,10

Controlador Pecuario

C2

1

19.577,10

Gardabosque

E

1

17.938,76

Porteiros

E

10

17.938,76

TOTAL EXPERTOS

 

31

 

4º.- Dar prioridade aos postos coas retribucións máis baixas –as inferiores a 24.000 euros- unha reivindicación unánime da Xunta de Persoal e o Comité.

Todas as modificacións nas dotacións de cada posto foron sometidas á  valoración previa da Comisión Técnica, co que se garante a total obxectividade. O acordo foi negociado con todos os representantes sindicais e aprobado pola Mesa Xeral de Negociación, xa que o esforzo non é unha condición exclusiva das empresas privadas e tamén debe ser valorado na función pública.

O PP tamén aprobou na súa etapa modificacións dos complementos específicos exactamente coa mesma contía ou superiores que a aprobada hoxe para xefes de servizo, polo que non se explica a súa incoherencia, cando este acordo beneficia a 331 traballadores e reforza os Servizos con máis carga de traballo, número de traballadores e responsabilidade.

O Partido Popular estaba informado da proposta. A mellor proba é que enviou unha nota de prensa en días pasados criticando os acordos que aínda estaban en negociación, e interferindo no propio diálogo cos sindicatos.

28 de abril de 2015 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.