publicidade hoxe

O Fixius e o SempreVolve vencen na XII edición da Regata Distribunosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRianxo
A-
A+

O Fixius de Miguel Pérez e o SempreVolve de Luís Miguel González vencen na primeira manga da XII edición da Regata Distribunosa. O pasado sábado día 25 deu comezo a XII edición da Regata Distribunosa coa celebración da primeira manga das dúas de que consta a proba. Un día gris no que se confirmaron os prognósticos meteorolóxicos, fixo dubidar ao comité de regatas sobre a elección do percorrido. Finalmente ante unha aparente mellora das condicións de vento deuse a saída á proba.

Ás 13 horas, hora sinalada para o inicio da manga, deuse a saída nas proximidades do porto de Rianxo. Cun vento do suroeste de ao redor de 18 nós na saída, con picos de 30 nós, e momentos case de encalmada. A choiva a raudales estivo presente durante case toda a proba. Con estas duras condicións para a navegación, saíu a flota para realizar un percorrido no interior da ensenada rianxeira. Escolleuse este recorrido con intención de realizar unha navegación o máis protexida posible ante a posibilidade de empeoramento das condicións meteorolóxicas.

Participaron unidades dos clubs náuticos da Ría, Rianxo, Villagarcía, Ribeira e Caramiñal. O comité de Regata deseñou un percorrido cunha cinguida ata unha baliza situada no Chazo e posterior regreso a Rianxo. Este percorrido realizouse en dúas ocasións para totalizar 8 millas. Dividiuse a flota en dúas categorías, regata e cruceiro.

A saída foi moi disputada mostrándose moi rápidos o Fixius de Miguel Pérez (CN. Villagarcía), seguido polo Sampaio de José Pérez Piñeiro (CN. Rianxo) e a certa distancia o Rafagas II de José Carreira (CN. Rianxo).

Na categoría cruceiro o SempreVolve de Luís Miguel González do CN. Caramiñal e o Slinga de Alberto Arce (CN. Rianxo) que tras unha longa paréntese reincorpórase á competición náutica nun día extremo para a navegación como o que se deu no día de hoxe, realizaron unha gran proba, xestionando con solvencia todas as condicións adversas que se produciron ao longo do percorrido.

Na primeira virada no Chazo, Fixius, Refachos II e Sampaio mantiñan os seus postos por esta orde, mentres na categoría cruceiro SempreVolve e Slinga deixaban claras as súas intencións con respecto aos primeiros postos.

Tras a popa cara a Rianxo e a segunda volta ao mesmo percorrido, impúxose o Fixius, seguido polos Refachos II e o Sampaio. Na categoría Cruceiro o SempreVolve cruzou en primeira posición a liña de chegada seguido polo Slinga.

A flota queda emprazada para o próximo día 9 de maio en que se celebrará a segunda manga con ágape e entrega de trofeos incluída nas instalacións do Club na que se contará coa presenza de Manuel Castaño, presidente de Distribunosa, que unha vez máis mantén a súa presenza neste evento deportico náutico da vila rianxeira.

27 de abril de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.