publicidade hoxe

O concurso de receitas “Cociñar con Ribeiro” presenta os seus tres finalistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+

Os dous entes organizadores da Feira do Viño do Ribeiro, C.R.D.O. Ribeiro e Concello de Ribadavia, presentan as tres receitas finalistas do concurso de receitas “Cociñar con Ribeiro” que con esta xa leva tres edicións. Dun total de 33 receitas presentadas por catro Escolas de Hostalería de Galicia seleccionáronse as tres que pasarán á final pública que se desenvolverá en directo o sábado na carpa showcooking do recinto da Feira do Viño do Ribeiro en horario de 16.30 a 19.30 horas.

Miguel Ángel Viso Diéguez explica os obxectivos perseguidos polo Consello Regulador na realización desta actividade “enfocada a dignificar e promover o coñecemento dos viños da Denominación de Orixe Ribeiro nos centros de formación de hostalería de Galicia” e que permite “a inmersión dos alumnos na realidade dos nosos viños, ao ser incorporados como produto ou inspiración nas súas creacións gastronómicas”. Viso tamén fai alusión ao interese do Consello Regulador por incidir na hostalería “pois recoñecemos nela un sector estratéxico, clave pola súa tarefa prescriptora e coma intermediaria entre o produtor e o consumidor final”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia recoñece nesta actividade un atractivo engadido á Feira do Viño, pois “permitirá aos visitantes presenciar a final deste concurso e degustar as tres receitas finalistas”. Marcos Blanco fai así referencia a que a final de Cociñar con Ribeiro se celebrará o día grande da Feira, o sábado na aula situada na Alameda de Ribadavia a partir das 16.30 horas. Alí as tres brigadas finalistas cociñarán “in situ” as receitas ante o xurado, que ese mesmo día anunciará ao gañador.

O director do concurso, Luis Paadín fai un pequeno percorrido polos datos acadados nesta terceira edición do concurso, no que participaron cinco brigadas de catro escolas de hostalería de Galicia: IES Fraga do Eume e IES Compostela (A Coruña), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e IES Vilamarín (Ourense), estando así representadas tres das catro provincias galegas. Entre todas elas foron seleccionadas 3 receitas para a final. Tamén subliña que “as tres receitas por si soas confeccionan un menú completo, con primeiro prato, segundo e sobremesa”. Paadín destaca ademais que “o viño do Ribeiro non só se presenta como ingrediente, xa que nalgúns casos constitúe a base, chegando incluso a dar nome á receita”.

A final do sábado, que elixirá o gañador, contará cun xurado de carácter multidisciplinar formado por Constantino Iglesias, presidente da Asociación Galega de Catadores, Juan Casares, presidente da EVEGA, Aurelio Vázquez, vicepresidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Conchi Peiteado, cociñeira do restaurante Agarimo de Lalín, Alberto Traversa, director da revista La Alacena Roja, ao que dende os coorganizadores e o director do concurso lle trasladan o seu agradecemento.

RECEITAS FINALISTAS:

Mexillón en salsa Ribeiro con con virutas de xamón
Centro CIFP Carlos Oroza (Pontevedra)
Semifrío de uva
Centro I.E.S. Fraga do Eume (A Coruña)
Rape con costra de moluscos, salsa de cenoria e aroma a Ribeiro.
Centro I.E.S. Vilamarín (Ourense)

29 de abril de 2015 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.