publicidade hoxe

O Concello de Teo colabora nos traballos de humanización do espazo exterior do IES de Cacheiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo está colaborando co IES de Cacheiras nun proxecto de humanización do patio exterior e de creación dunha horta ecolóxica. Dende un punto de vista pedagóxico “dende o instituto consideran que mellorar as dotacións do patio así como traballar nunha horta ecolóxica permiten traballar moitos aspectos cos escolares enfoque co que coincidimos polo que acordamos colaborar nesta iniciativa” explica Ignacio Iglesias, concelleiro de Benestar e Igualdade.

Neste momento a horta xa está funcionando e despois de preparar o terreo, para o que contaron coa axuda e colaboración de persoal especializado, hoxe mesmo o alumnado xa plantaba fresas. Na mesma zona hai un espazo no que se plantaron arbustos e flores ornamentais. E ao carón o Concello instalou dúas mesas con bancos que os grupos implicados no traballo da horta poderán utilizar de apoio.

Na proposta realizada polo IES destácase que “o noso espazo exterior posúe altas potencialidades para convertilo nun espazo de convivencia, a través dun proxecto coeducativo que podería combinar enfoques diferentes como o ambiental, o deportivo, o artístico e o educativo en xeral”. Ata este momento había un espazo para deportes maioritariamente utilizado polos rapaces e unha zona verde pouco acondicionada. Coa actuación na que colaborou o Concello aprovéitase mellor toda a zona exterior e permite un maior número de usos.

A horta ecolóxica, segundo destacan dende o equipo directivo do IES, ten varios obxectivos que van dende desenvolver a sensibilización ante as distintas problemáticas ambientais, desenvolver capacidades de planificación e resolución de problemas, fomentar o traballo en equipo, traballar valores como a autonomía e a solidariedade ou fomentar actitudes positivas cara o consumo responsable e sostible.

10 de abril de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.