publicidade hoxe

O Concello de Melide únese á Rede de Cidades para a Prevención do Consumo de Alcol en Menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O Concello de Melide asinou hoxe a acta de adhesión ao Proxecto Cidades en Rede para a Prevención do Consumo de Alcol por Menores de Idade, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE), dentro da campaña Menores ni una gota. Más de 100 razones para que un menor no beba alcohol”. O Concello de Melide mostrou así o seu firme compromiso na loita contra o consumo de alcol en menores de idade, pasando a formar parte dunha rede composta xa por máis de corenta concellos e gobernos rexionais de todo o territorio nacional (entre os que se atopa a Xunta de Galicia ou os concellos de Lugo, Ferrol, León, Ávila, Selecta, Málaga, Córdoba, Xerez, Cádiz, Huelva, etc).

A firma celebrada hoxe da Acta de Adhesión a este proxecto contou coa presenza da Alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez e do Director de FEBE, Bosco Torremocha. O acto tamén contou unha ampla representación dos distintos axentes sociais do Concello, entre os que se atopaban os concelleiros Rosa Cabado, María Jesús López e Santos López; o presidente da Asociación de Hostalaría Melide Móvese, Alberto Buján, así como a traballadora social, ou a directora do Centro de Información á Muller (CIM), ademais da secretaria do Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Carmen Otero.

No acto, Ángeles Vázquez destacou que “coa firma de convenio ratificamos o firme apoio a esta campaña desenvolvida por FEBE para axudar a que os máis novos se conciencien de que hai tempo para todo e que hai un modo diferente de gozar da movida”, sen necesidade de recorrer ao alcol. Neste sentido, desde o Concello xa se desenvolveron accións respecto diso como a que levou a cabo xunto coa Asociación de Hostalaría para promover o autobús que permite aos mozos acudir a Melide a gozar da movida do sábado pola noite.

Como reforzo, desde a administración melidense “poremos en marcha novas iniciativas de cara a concienciar sobre outras formas de pasalo ben”. A rexedora puxo como exemplo diso, “unha actividade que se desenvolveu a pasada semana no IES de Melide xunto coa Asociación de Hostalaría na que se presentaron cócteles sen alcol”, mostrando, deste xeito, alternativas ao lecer nocturno que non estean baseadas no consumo de alcol.

Pola súa banda, Bosco Torremocha agradeceu a asistencia ao acto dos distintos axentes sociais implicados, xa que “mostra o firme compromiso de Melide” coa campaña Menores ni una gota. “Das case 50 adhesións que ratificamos ata agora esta é na que se mostrou unha maior representación”, asegurou. Ademais, lembrou que esta iniciativa “tenta adiantarse ao momento de consumo experimental” que podería dar paso ao “consumo compulsivo” de alcol por parte dos mozos.

O acto concluíu coa firma no libro de Menores ni una gota por parte da alcaldesa de Melide. No seu escrito, ratificou o compromiso de Melide con esta causa, advertindo de que “consumir alcol non fai ser maduro nin é un medio de diversión”.

Con este convenio, o Concello de Melide reforzará o seu traballo na prevención do consumo de alcol en menores a través dos seguintes compromisos:

Desenvolvemento de actividades para menores de idade e para as familias

Ao longo dos próximos meses, FEBE e o Concello de Melide divulgarán as diversas actividades de información e prevención dirixidas a menores que se realizarán ao redor da campaña. Estas actividades fomentarán un lecer alternativo, libre do consumo de bebidas alcohólicas, a través de iniciativas que buscarán a implicación e participación dos menores na campaña.

Ademais, a campaña tamén comprende o desenvolvemento de accións destinadas a dotar ás familias de ferramentas para enfrontarse a un posible consumo precoz de bebidas alcohólicas nos seus fillos. Deste xeito, a coñecida psicóloga de menores Rocío Ramos-Paúl, máis coñecida pola súa intervención no programa Supernanny, elaborou unha guía gratuíta de razóns polas que un menor non debe beber alcol, que contén ademais consellos e ferramentas de utilidade para os pais. Esta guía pode descargarse na web www.menoresniunagota.es

Apoio da cidadanía: implicación de rostros coñecidos

Máis de 120 rostros coñecidos prestaron xa a súa imaxe de forma altruísta a esta campaña a nivel nacional, a través de vídeos nos que achegan consellos e razóns polos que un menor non debe beber alcol. Estes consellos, baseados nas súas propias experiencias e vivencias alóxanse na web www.menoresniunagota.es 

Xornalistas, cantantes, actores, deportistas e un amplo abanico de personalidades comprometéronse con esta iniciativa. Así, no caso da capital lucense procurarase o apoio dos rostros máis coñecidos desta cidade.

Promover accións na Hostalaría “Eu non vendo alcol a menores”

Para atallar o problema do consumo de alcol por menores de idade desenvolveranse ademais diferentes accións que buscarán a implicación doutros colectivos municipais.

Así, debido a que a venda de alcol a menores está prohibida pola lexislación vixente, o Concello de Melide e FEBE comprométense a promover accións coa Hostalaría e Distribución baixo o lema “eu non vendo alcol a menores”, para evitar a dispensación e venda de bebidas alcohólicas a menores de idade.

A Rede de Municipios Contra o Consumo de Alcol por Menores de Idade supón un paso máis na campaña “Menores ni una gota. Más de 100 razones para que un menor no beba alcohol” promovida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (MSSSI) e a Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE). A través da Rede ábrese a posibilidade á administración local a adherirse aos obxectivos da mesma na loita contra o consumo de alcol en menores desde unha perspectiva preventiva e educativa. Dirixida fundamentalmente a pais, pero tamén aos propios menores, a campaña desenvólvese a través de diversos soportes informativos e canles de comunicación.

13 de abril de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.