publicidade hoxe

O Concello de Cervo informa sobre as rutas de sendeirismo nos novos folletos promocionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello vén de editar 2.000 exemplares de material promocional sobre as rutas de sendeirismo do municipio. En concreto, os veciños e visitantes poden percorrer o concello a través de tres sendeiros peonís acondicionados e sinalizados para ese fin e dos que atopan toda a información nestes folletos.

Unhas publicacións nas que se poden consultar datos xerais sobre a localización, dificultade, duración estimada, coordenadas de inicio, itinerario e puntos de interese, e tamén técnicos como a distancia, o tipo de superficie e as cotas máximas e mínimas. Ademais, conta cunha descrición sobre os atractivos de cada ruta e a súa situación no mapa.

Uns folletos cos que “poner en valor y disfrutar de lugares de gran riqueza natural y paisajística de nuestro concello” asegura a edil de Turismo, Begoña Alonso, dirixidos tanto aos veciños como aos visitantes.

As rutas

Unha das rutas é a de Rúa (As Curuxeiras) á Cruz do Pau da Vella, que inclúe tres variantes. Uns sendeiros nos que se pode gozar de vistas ao embalse de Rúa e que remata na Cruz do Pau da Vella, que marca o punto no que conflúen catro concellos: Cervo, O Valadouro, Xove e Viveiro. Este é o punto máis alto do concello, de forma que tamén destacan as vistas dende este lugar, cunha cota máxima de 690 metros.

Outros dos sendeiros para facer a pé vai de Rúa a Trasbar. Esta é a máis longa en distancia (10,9 km) e en tempo, cunha duración estimada de 4 horas. Parte das Curuxeiras, pasando pola caseta dos cazadores en dirección a Trasbar. Esta ruta atravesa pola Fraga Vella, un paraxe natural de especies autóctonas; predominando a paisaxe de ribeira ao carón do río Covo, así como elementos do patrimonio, como pontes, ou a capela de Santa Eufemia, do século XII, e a fonte do mesmo nome.

Tamén podemos obter información da Ruta dos Muíños, que discorre ao carón do río Xunco con saída na praia de Rueta e fin na fonte da Tella en Sargadelos. Un sendeiro de 4,71 quilómetros ao longo da cal atopamos unha serie de muíños antigos e nos adentramos no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos. Tamén destaca a riqueza natural, con vexetación típica da ribeira.

6 de abril de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.