publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O alcalde de Pontecesures é declarado inocente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontecesuresPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

O xurado declarou por unanimidade “non culpable” o alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira, e ao encargado de Obras deste municipio pontevedrés, Xurxo Gerpe Jamardo, dun delito de malversación de fondos públicos. O rexedor nacionalista fora acusado por un antigo socio de goberno, o daquela concelleiro da Agrupación Cidadá de Pontecesures (ACP) Luis Ángel Sabariz, de utilizar recursos do concello para pagar facturas de gasolineiras. En concreto, asegurou que atribuía este consumo ao vehículo municipal para traballos no concello durante catro anos, entre 2003 e 2006.

Por este suposto sobrecoste para as arcas municipais que un informe pericial estimou en 6.822 euros, a acusación particular pedía tres anos de prisión e 10 de inhabilitación.

Non obstante, o veredicto do xurado considera por unanimidade como “non probado” que os acusados “destinasen a usos alleos á función pública” o diñeiro pagado na gasolineira. Así mesmo, cre “non probado” que o alcalde “subtraese combustible do vehículo municipal”.

Tras a lectura do veredicto por parte da voceira do xurado, ambos os dous acusados fundíronse nun forte abrazo. “Pola tensión que estabamos a sufrir estes días ao comernos un marrón que non nos corresponde”, explicou aos medios o alcalde á súa saída da Audiencia Provincial de Pontevedra.

“SATISFACCIÓN”

Ademais, Angueira mostrou a súa “satisfacción” por sacarse “de enriba unha lousa de oito anos”. Tamén admitiu que se sente “cansado” pola súa situación persoal e familiar despois de tantos anos. “Estaba xa farto de todo isto”, recalcou.

“Aquí non se estivo a xulgar o alcalde pola súa xestión, senón dando a entender que se roubaba, unha acusación moi grave,” incidiu Álvarez Angueira, antes de engadir: “Eu, ademais de alcalde, son Luis, son profesor de Filosofía, teño unha familia e isto afecta a toda a túa vida e o teu ámbito”.

“QUERO ADICARME A MIN”

Agora, despois de 24 anos na corporación de Pontecesures, primeiro como concelleiro e despois como alcalde, Álvarez Angueira manifestou que está “farto” da vida política. “Quero adicarme a min”, resaltou, aínda que aseverou que participará na campaña electoral apoiando á candidatura do BNG.

E, con respecto á denuncia de Luis Ángel Sabariz, avanzou que estudará posibles accións legais contra el. “Agora tócame a min”, advertiu.

XUÍZO POLÍTICO

Durante a vista oral celebrada durante dous días na sección segunda da Audiencia de Pontevedra, o alcalde de Pontecesures defendeu a súa inocencia nun xuízo que cualificou de “político”.

De feito, o propio fiscal pediu a libre absolución dos acusados “pola insuficiente acreditación ou xustificación do feito punible”, ao entender que non existían nin probas nin indicios abondos que demostren a súa culpabilidade.

16 de abril de 2015 | 22:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.