publicidade hoxe

Neda centra no xénero de terror as súas XIII Xornadas Literarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O xénero de terror será o protagonista da XIII edición das Xornadas Literarias de Neda, organizadas polo Concello e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña para conmemorar o Día Mundial do Libro. Unha cita que este ano volve contar coa colaboración do IES Fernando Esquío. As Xornadas celebraránse os días 22, 23 e 24 de abril, no campus ferrolán e na Casa das Palmeiras de Neda. E, as persoas interesadas en participar no evento, de resonancia e prestixio internacional, poden inscribirse gratuitamente na Casa da Cultura de Neda, a través do e-mail cultura@neda.dicoruna.es ou por teléfono 981 39 02 33.

O alcalde, Ignacio Cabezón, e o rector da Universidade, Manuel Recuero, inaugurarán as xornadas o día 22 a partires das 20 horas, no Campus de Esteiro. As súas intervencións darán paso á primeira conferencia que, baixo o título “Monstruos posthumanos, trasgénicos y biotecnológicos, I”, correrá a cargo da profesora Teresa López-Pellisa, da Universidade Autónoma de Barcelona.

Xoves e venres as xornadas trasladaranse á Casa das Palmeiras. E, en ámbolos dous casos, a hora de inicio será ás sete do serán. Así, o xoves repetirá como ponente a profesora López-Pellisa, coa segunda parte da súa disertación. E, a continuación, José Manuel Sande, programador do CGAI e especialista en cine e literatura, tomará o relevo nunha xornada que rematara con proxección cinematográfica.

Na xornada do venres, e á mesma hora e co mesmo escenario, retomaránse as Xornadas da man do clube de lectura do IES Fernando Esquío e o seu particular tributo ao xénero de terror, baixo a dirección da profesora Dolores Paris Fraga. De seguido, David Cortizo Conde, responsable da editorial Urco, falará sobre “O terror sobrenatural na literatura” e, os asistentes poderán disfrutar dunha mostra bibliográfica da editorial. David Clark, da Universidade da Coruña, tratará “A literatura gótica irlandesa: antes e despois de Drácula”. E, finalmente, a xornada pecharáse cunha mostra de curtas de terror.

As Xornadas Literarias están promovidas polo Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, coa colaboración do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío e da Deputación provincial da Coruña. Por último, o Concello de Neda fai unha invitación moi especial á cidadanía para que participen deste programa cultural do máis alto nivel, achegándose de preto ao xénero de terror.

8 de abril de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.