publicidade hoxe

Neda celebrará o seu IV Mercado Medieval nas rúas do casco histórico durante esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e a concelleira de Promoción Turística, Montserrat Rico, presentaron esta mañá a cuarta edición do Mercado Medieval Real Vila de Neda que, unha vez máis e tras o parón do pasado ano, permitirá a veciños e visitantes recuperar a maxia do Medievo nun entorno máis que favorable, as rúas do casco histórico de Neda. A cita arrancará o venres á tarde, sobre as seis, e permanecerá aberta sábado e domingo en horario de mañá e tarde. Reunirá medio centenar de postos de artesanía, algúns deles con demostracións do traballo como o de vidro ou madeira. Sumaráse a estes unha gran taberna e non faltará a animación a pé de rúa, como malabares ou espectáculos de lume. Así mesmo, a edil Montserrat Rico agradeceu especialmente a implicación de hosteleiros e comerciantes da vila e citou entre eles a perruquería Lomena e a mercería Mary, onde veciños e visitantes poden alugar ou mercar vestimenta da época para visitar o mercado, e o estudo de fotografía Zebral, que habilitará un photocall para aqueles que desexen levarse un recordo do seu paso pola real vila.

De igual xeito, a concelleira explicou que, con motivo da celebración da cita, a Policía Local vén de articular un dispositivo especial de tráfico polo que se prohibirá o estacionamento e circulación dos vehículos nas rúas Real, Sobre a Vila e Paraíso entre as 15 horas deste xoves ata o remate do mercado, previsto para a tardiña do domingo 19. Agradeceu nesta liña a colaboración de residentes e veciños.

Pola súa banda, o alcalde, Ignacio Cabezón, destacou o traballo da concellería na organización do evento e lembrou que Neda foi un dos primeiros municipios na ría en poñer en marcha este tipo de citas, sumando á tradicional tradicional venda de artesanía novos reclamos como actividades complementarias. Por último, confiou en que o bo tempo acompañe nas xornadas de celebración e invitou a veciños e visitantes a achegarse ao mercado e disfrutar do ambiente do Medievo.

13 de abril de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.