publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente veda a pesca no río Pequeno ao seu paso por Outeiro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOuteiro de ReiPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se veda a pesca nun tramo de 16,2 quilómetros do río Pequeno e os seus afluentes, ao seu paso polo Concello de Outeiro de Rei.

O treito afectado discorre desde o lugar de nacemento do río ata a súa desembocadura no río Miño. Esta veda fundaméntase na necesidade de favorecer a recuperación da fauna do río, tras o impacto causado polo vertido rexistrado o 3 de abril. A veda manterase ata a entrada en vigor da normativa de pesca fluvial da tempada de 2016.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas propón como medida urxente a veda da pesca de todas as especies, tanto no tramo afectado directamente polo vertido como nas zonas de influenza que resultan vitais para a rexeneración e recuperación poboacional do tramo afectado.

Esta medida estará condicionada aos resultados dos estudos efectuados e ao seguimento do estado ecolóxico do río, que levar a cabo a Consellería, polo que se manterá ata a entrada en vigor da normativa de pesca fluvial da tempada 2016.

Cómpre lembrar que a principios de abril tivo lugar un episodio de mortaldade de peixes nun tramo do río Pequeno (Robra-Outeiro de Rei), de aproximadamente dous quilómetros, cuxas causas están sendo investigadas actualmente.

Como consecuencia deste vertido, efectuáronse na zona as investigacións correspondentes por persoal da Consellería, en coordinación co SEPRONA e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tomándose mostras de auga no lugar afectado e procedendo á recollida da fauna piscícola morta.

As mostras de auga foron remitidas ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e levouse a cabo un estudo da comunidade de macroinvertebrados na zona por parte do persoal integrado na Rede de Observación Ambiental, co fin de constatar o grao de afección deste vertido. Así mesmo, remitíronse mostras de peces mortos ao Hospital Veterinario Rof Codina (Facultade de Veterinaria de Lugo), para á análise anatomopatolóxico e toxicolóxico. Nestes momentos estase pendente de recibir os resultados de todas a análises efectuadas.

20 de abril de 2015 | 11:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.