publicidade hoxe

Licítanse por 350.000 euros as obras de mellora do firme na estrada LU-133 en Barreiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), publica hoxe no DOG a licitación das obras de rehabilitación do firme da estrada Vilamar – Reme desde o seu inicio en Vilamar ata o punto quilométrico 4+000, á altura de Cabarcos.

Con esta actuación, que conta cun orzamento próximo aos 350.000 euros, o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para favorecer a comodidade dos usuarios e a seguridade viaria no treito obxecto da actuación.

Os traballos previstos consistirán na extensión dunha nova capa de rodadura de 5 cm de espesor, que se acompañará coa reposición da sinalización horizontal e vertical; ademais substituiranse as barreiras de seguridade existentes e colocaranse novos tramos de barreira.

A obra compleméntase coa limpeza das marxes da estrada, reperfilado de cunetas en terras e a execución de cunetas formigonadas de seguridade que suman unha lonxitude superior a 1,5 quilómetros; estas actuacións permitirán mellorar a recollida das augas de drenaxe, o que incrementará a durabilidade do pavimento.

As obras terán unha duración de 4 meses e proporcionarán unha rede mais cómoda e segura en beneficio de máis de 3.000 habitantes do Concello de Barreiros.

Conservación de estradas

Estes traballos son un bo exemplo do esforzo que a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas está a realizar en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, ás que se destinará un investimento superior aos 24 millóns de euros neste ano, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias coma a que se licita no día de hoxe.

8 de abril de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.