publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Jorge Coira estreará o seu novo documental protagonizado por Luar na Lubre no Festival de Cans

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPortada dereita
A-
A+
Europa Press
Presentación da camiseta do Festival de Cans

Presentación da camiseta do Festival de Cans

O Festival de Cans será o lugar elixido polo director galego Jorge Coira para presentar en sociedade o seu novo traballo, ‘Torre de Breoghán’, un documental que recolle o espectáculo do mesmo nome montado polo grupo Luar na Lubre, que tamén estará presente na cita cinematrográfica.

Así o anunciou este xoves o propio Jorge Coira, que participou en Santiago na presentación da camiseta oficial do festival para este ano, deseñada por Rei Zentolo.

Segundo contou o director, o documental recolle o “proceso de xestación” deste espectáculo co que o grupo folk rescata un relato tradicional da cultura celta sobre as invasións galegas en Irlanda. Ao mesmo tempo, constitúe unha oportunidade para gozar da música de Luar na Lubre combinada coa da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Precisamente esta banda folk será a encargada, tras a estrea do documental, de inaugurar unha nova sección do Festival de Cans, os ‘Concertos na placa’, que converterá este “espazo cotián” da estrutura dunha casa sen rematar nun lugar para a celebración de concertos.

CAMISETA

Jorge coira participou este xoves na presentación da camiseta da XII edición do Festival de Cans, deseñadas un ano máis por Pablo Rodríguez, de Rei Zentolo. No encontro estiveron presentes tamén Alfonso Pato, director do Festival, Salvador Vázquez, de Rei Zentolo, e os actores Ricardo de Barreiro e Avelino González, membro do xurado de Cans para este ano.

Nesta ocasión, as camisetas do festival representan os seus 12 anos de vida a través dunha ducia de ovos, un deles roto e do que salgue un pequeno can -símbolo do evento-. Este último elemento quere reflectir o especial papel que este ano xogarán na programación de Cans as actividades infantís

Por outra banda, o festival contará cunha camiseta de edición limitada, que só se venderá durante o festival, e que fai alusión á ruta do tradicional ‘chimpibús’.

TENDA VIRTUAL

Nesta edición, o Festival de Cans inaugura tamén a súa propia tenda virtual, unha plataforma online na que poderán comprar as primeiras entradas, 500 packs de camiseta e entrada que se porán á venda a partir do 15 de abril. Tras concluír a edición, nesta tenda poderá adquirirse todo tipo de merchandising.

Posteriormente, a organización do festival ten pensado poñer á venda online unha segunda quenda de entradas e deixar aproximadamente o 30 por cento das 1.000 localidades para vender o día do festival.

O director do Festival asegurou que a organización está nestes momentos no proceso de selección das curtametraxes que competirán na cita e que serán “entre 15 e 16″.

9 de abril de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.