publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Jesús Castro Yáñez gaña o primeiro premio de relato breve “Nélida Piñón”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeGaliciaPontevedraPortada dereita
A-
A+
Premio de relato breve "Nélida Piñón" do Concello de Cotobade

Premio de relato breve “Nélida Piñón” do Concello de Cotobade

Jesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve “Nélida Piñón”, organizado grazas á colaboración conxunta entre Consellería de Cultura e Educación, Concello de Cotobade e Deputación de Pontevedra. A súa obra, “O vello e o Minotauro”, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer hoxe nunha rolda de prensa na que participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. “O vello e o Minotauro” é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga.

Un impulso á lingua na escrita e unha homenaxe

Convocado por primeira vez, o obxectivo deste galardón non só pasa por promover a creación literaria en galego no ámbito da narrativa breve, senón que tamén quere ser unha sentida homenaxe á autora brasileira con raíces galegas que lle da nome. Nélida Piñón garda vinculación familiar co municipio de Cotobade, que a nomeou filla adoptiva no ano 2005.

Escritora de gran relevancia internacional, recibiu o premio Príncipe de Asturias no 2005, foi a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua (a Academia Brasileira das Letras) e resultou distinguida, entre outros fitos, como doutora honoris causa por diversas universidades, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela. O pasado 27 de setembro ingresou como membro de honra na Real Academia Galega.

Bases do certame

Ao certame podían concorrer as autoras e autores maiores de 18 anos con obras orixinais e inéditas escritas en galego, cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 15. As obras chegaron ao Concello de Cotobade tanto por correo postal como por correo electrónico. En ambos casos debíase xuntar, por unha banda, a obra co título e o pseudónimo ou lenda escollida polo autor e, por outra, os datos persoais do concursante.

A propiedade intelectual da obra será do seu autor, se ben o galardoado dará o seu consentimento e autorización ao Concello e ao Goberno galego da cesión dos dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que as dúas administracións estimen convenientes. O premio está dotado con 6.000 euros.

3 de abril de 2015 | 00:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.