publicidade hoxe

Francisco Conde pon a Alcoa como exemplo do potencial da industria galega en Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe, xuntos aos eurodeputados Pilar del Castillo e Francisco Millán, as instalacións de Alcoa en San Cibrao, onde salientou que a compañía configúrase como “o mellor exemplo” do potencial da industria galega en Europa. Neste sentido, o titular de Economía e Industria sinalou que Alcoa tense convertido nun referente do sector resultando unha das mellores plantas europeas e do mundo de produción de aluminio, motivo do interese dos eurodeputados en coñecer as súas infraestruturas.

“Esta visita responde ao compromiso co tecido produtivo galego dos eurodeputados Pilar del Castillo e Francisco Millán Mon”, incidiu Conde, quen destacou a aposta da Unión Europea por un crecemento “sostible e intelixente” no que a innovación e a industria son “dous puntos determinantes”, e onde debe atoparse o “equilibro entre o custo da enerxía, os impactos medio ambientais e a propia industrialización”.

Neste contexto, Pilar de Castillo salientou o interese por coñecer de primeira man o impacto de posibles aumentos do prezo dos dereitos de emisión na competitividade industrial. Por este motivo, avanzou, a Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento europeo, da que é membro, traballa na procura de solucións en relación á deslocalización e aos estímulos que reciben as empresas, onde entran as industrias de consumo intensivo de enerxía.

“Desde a Xunta estamos a traballar, en colaboración coas institucións europeas, apostando por unha reindustrialización e por unha maior modernización do noso tecido produtivo”, salientou o conselleiro. Un traballo no que, segundo apuntou, as empresas electrointensivas xogan un “papel determinante” para a creación de emprego, e onde Galicia ten un gran peso. “O noso sector metalúrxico factura preto de 15.000 millóns ao ano, empregando a 55.000 persoas”, subliñou Conde.

No desenvolvemento da industria galega, e no sector metalúrxico en particular, explicou o titular de Economía, Alcoa ocupa un lugar fundamental. A súa importancia, destacou, fai dela “o principal motor económico e social da Mariña”, empregando arredor de 1.600 traballadores entre directos e indirectos.

“A aposta de Alcoa por Galicia tradúcese nos importantes investimentos realizados durante estes anos”, subliñou o conselleiro, quen destacou que deste xeito a compañía ten reducido os custos de produción ou elevado a súa flexibilidade.

Así mesmo, salientou Conde, a planta de San Cibrao ten apostado polo gas natural nos procesos de produción. Unha decisión para a que ten contado co apoio do Goberno galego e que leva aparelladas melloras económicas e ambientais

Un cambio que, segundo destacou o conselleiro, vese reforzado co novo gasoduto da Mariña, inaugurado a principios de ano, e que se configura como unha estrutura fundamental para o desenvolvemento económico e a mellora competitiva non só de Alcoa senón de toda a industria da comarca.

17 de abril de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.