publicidade hoxe

Frades doará á Asociación contra o Cancro o recadado polas inscricións na II Carreira Pedestre Popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades convoca a segunda edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar durante a tarde do próximo venres 1 de maio e que está organizada polo Concello de Frades e pola Federación Galega de Atletismo, en colaboración coa Deputación da Coruña, Carreiras Galegas e Correr en Galicia. Unha proba de 8 quilómetros, na súa categoría absoluta, e que este ano terá un fin solidario xa que todo o recadado nas inscricións será doado á Asociación Española contra o Cancro.

Outra das novidades da proba é que se integra no III Circuíto Provincial de Carreiras Populares promovido pola Deputación da Coruña, marcando de feito o inicio desta terceira edición do circuíto. A día de hoxe xa hai 80 atletas anotados nas distintas categorías e o prazo de inscrición estará aberto ata as 23:00 horas do martes 28 de abril na web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís –é dicir, de catorce ou menos anos) mentres que os demais atletas (júniors, promesas, sénior e veteranos) deberán achegar 5 euros.

Premios

O Concello de Frades destina 1.140 euros en premios para os catro primeiros clasificados da categoría absoluta e para os tres equipos que mellor se clasifiquen tanto na categoría masculina como feminina. Os clubs que desexen optar a estes premios deberán formalizar a inscrición individual de cada atleta na web www.emesports.es e despois remitir un correo electrónico á dirección de correo FGAsantiago@gmail.com cos datos do club xunto co listado de atletas que participarán na proba selado pola Federación Galega de Atletismo ou delegación correspondente no seu defecto.

Ademais dos premios en metálicos, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que aporte máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades. O Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares.

Probas

A II Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 17:00 horas na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 18:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros en ruta, que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, emprazada na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.

As probas escolares darán comezo ás 17:00 horas coa categoría Pitufo (nados en 2011 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 17:10 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2008 e 2010), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2006-2007) e alevíns (2004-2005) sairán ás 17:20 e ás 17:30 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Por último, ás 17:45 horas tomarán a saída dos infantís (2003-2002) e cadetes-xuvenís (1998-2001), cun percorrido de 2 e 3 quilómetros, respectivamente.

O Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a xuvenil), así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes e un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba.

23 de abril de 2015 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.