publicidade hoxe

Finaliza o proxecto ‘Aval Xóvenes’ tras cumprir o seu obxectivo de dinamizar o emprendemento dos xóvenes no rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Melide na xornada de peche do proxecto ‘Aval Xóvenes’, un proxecto piloto enmarcado na estratexia europea de Garantía Xuvenil que tivo por finalidade fomentar a inserción laboral e mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas participantes.

Os obxectivos do proxecto foron fundamentalmente dous: crear novas oportunidades de emprego e emprendemento para os mozos e mozas de Galicia e, simultaneamente, dinamizar as zonas do rural. Trátase dunha iniciativa orientada especialmente ao emprendemento e autoemprego aproveitando as oportunidades das zonas rurais.

Os participantes nesta iniciativa foron 50 mozos con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos cos seguintes perfís: en fase de finalización da súa cualificación profesional; finalizada a súa cualificación profesional e en situación de desemprego; ou sen cualificación profesional e en situación de desemprego.

Esta iniciativa desenvolveuse en dúas zonas de actuación (Melide e Coristanco) diferenciándose tres fases no seu desenvolvemento: a inicial de preparación e selección dos participantes; a fase de orientación profesional, configuración e impartición dos contidos temáticos e a práctica no territorio; e o taller de proxectos.

Os socios do proxecto, xunto coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, foron a Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, a Deputación da Coruña; a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia; a Asociación para o desenvolvemento dos territorios polos actores locais; a Asociación Finisterrae de profesionais do desenvolvemento local; a Asociación de empresarias do rural; a Delegación de Galicia de Seniors españois para a cooperación técnica; e a Asociación de xóvenes empresarios de Bergantiños.

Finalizado o proxecto, de algo máis dun ano de duración, o 68% dos participantes lograron a súa inserción laboral, é dicir, un total de 34 mozos e mozas. Por conta allea en sectores como comercio, servizos ás persoas, xestión e administración, agrícola-gandeiro, formación, servizos agrícolas-forestais e carpintería; e por conta propia en hostalaría, agrícola-gandeiro, repostería, fotografía, transformación de lácteos, comercio, horticultura, servizos agrícolas, produción de ovos campeiros, mecánica e distribución de produtos agro gandeiros.

8 de abril de 2015 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.