publicidade hoxe

Final da II edición do Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O II Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’ celebra a súa gala final este sábado día 25 de abril. Esta fase do concurso contará con 8 finalistas de “grande calidade”, tal e como afirma o director artístico do dito Certame, Xoán Curiel. A cita será ás oito do serán no Auditorio da Ramallosa e a entrada é de balde. Ademais, o público terá un papel moi importante, xa que será quen outorgue o accésit á mellor canción e á/ao mellor artista.

Na dita gala, os oito finalistas: Sofía Espiñeira, Laura Iglesias, Noé Subiela, Isis, Pilar Martínez, Lucía da Fonte, Sandra Tenreiro e Umbra, disporán de oito minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade. Como novidade, o público poderá dar dous accésits, sendo un deles á mellor canción —e non á canción orixinal tal e como si se fixera na pasada edición do Certame.

Desde a organización animan a calquera persoa interesada a se achegar á xornada decisiva do concurso, que se converterá nunha «festa da música e a palabra». A gran final comezará ás 20 h no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello, e as entradas son de balde. A gala terá unha duración aproximada de dúas horas.

Tal e como afirma Xoán Curiel, a elevada calidade das e dos participantes fixo “moi difícil” o traballo do xurado formado polo propio cantor fonsagradino, pola Concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, pola artista Najla Shami, o xornalista Juan Torreiro e a xestora musical Inés Portela.

A organización

O II Certame de Canción de Autor en galego ‘Concello de Teo’ está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo. Para todos eles, o agradecemento de Xoán Curiel, xa que «sen a súa implicación non sería posible organizar este evento».

O premio

O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun EP. Ademais, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción na prensa.

Tanto para os que chegaron á final como para os que non, Xoán Curiel mostra a súa «satisfacción» porque estes traballos serviron para visibilizar os e as creadoras noveis do noso país.

23 de abril de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.