publicidade hoxe

Fene celebra a II Feira de Segunda Man e Troco no paseo de San Valentín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Fene será escenario este sábado, 25 de abril, da segunda edición da Feira de Segunda Man e Troco. Unha cita que continúa no calendario da II Mostra Turística Vén a Fene! que impulsa a Concellería de Promoción Económica tras o éxito colleitado no 2014. Este ano, o edil de área, Juan José Franco, explica que o evento congregará entre as 11 e as 19 horas a preto de medio centenar de postos. Todos eles, baixo unha carpa de grandes dimensións ubicada no paseo marítimo de San Valentín. Así mesmo, o concelleiro quixo destacar o carácter solidario da feira, tanto pola presenza de stands que buscan recaudar fondos para causas como a atención a persoas en situación de exclusión social ou sanitarias –Arraigo, Por+Vida e o Centro de Atención á Discapacidade Síquica Souto de Leixa-, como pola intención doutros como o do CPS Liga Amigos de Barallobre, AVV de San Ramón de Sillobre e a SCRD Agarimo, que tamén destinarán as vendas a causas solidarias.

Así mesmo, unha das principais novidades será a programación de actividades complementarias. Deste xeito, Franco apuntou que ás 12 horas terá lugar unha vistosa exhibición de capoeira a cargo do prestixioso grupo Mucenza. Un auténtico espectáculo que, sen dúbida, animará o entorno. A cargo dun equipo dunhas 35 persoas, buscarán en todo momento a implicación do público. Unha hora máis tarde, sobre as 13 horas, o alcalde, Gumersindo Galego, presidirá o acto de entrega de premios do IV Concurso de Escaparates de Primavera, promovido pola Concellería de Promoción Económica. Un certame que se disputan tres establecementos: Pastelería Martínez, Floristería Azalea e Perla Multiprecios. Haberá dous premios, un que concederá o xurado profesional e outro que decidirán os propios clientes, a través das votacións nos negocios rexistradas entre o 20 e o 23 de abril. Precisamente, esas papeletas entrarán a formar parte do sorteo de dous vales de 20 euros a consumir en calquer establecemento adherido á Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro”, cortesía desta.

Xa pola tarde, o evento servirá para dar a coñecer a veciños e visitantes un vídeo institucional para a promoción turística de Fene. Un proxecto que no seu día o Concello presentou á Deputación, recibindo o seu visto bo para a súa financiación. Un vídeo con guión do escritor Ramón Loureiro que recolle os principais enclaves do municipio, filmado con drones e que, polo tanto, permitirá descubrir paraxes dende outra perspectiva.

24 de abril de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.