publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Detida unha veciña de Soutomaior por estafar 25.000 euros a cambio de traballo e outras xestións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortada dereitaSoutomaiorSucesos
A-
A+
Europa Press

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a unha muller de 58 anos con domicilio en Soutomaior (Pontevedra) por un delito de estafa duns 25.000 euros a persoas ás que ofrecía traballo e xestionar pagas de xubilacións a cambio de diñeiro e tras pedir a un veciño un préstamo que pagou cun cheque sen fondos.

Segundo informou a Policía Nacional, a investigación empezou no principio do ano, cando unha veciña de Soutomaior denunciou ser vítima dunha estafa por parte dunha muller que coñecera e que se ofreceu a atoparlle traballo aos seus fillos e aos fillos dunha amiga, a cambio de diñeiro. As dúas nais entregáronlle 3.000 euros á muller, pero non volveron ter noticias dela.

Mentres levaban a cabo as pescudas, os investigadores do grupo UDEV-1 da Brigada de Policía Xudicial descubriron que máis persoas podían ser vítimas de feitos similares. Así, localizaron a unha muller de Pontesampaio coa que a presunta estafadora contactara para ofrecerlle un traballo á súa filla a cambio de 5.000 euros polos “gastos”.

Igualmente, identificaron a unha muller que lle entregou 6.000 euros coa promesa de que lle xestionaría unha paga para a súa xubilación; e tamén souberon que un home de Soutomaior tentou cobrar un cheque de 10.500 euros sen fondos, que lle entregou como suposto pago por un préstamo unha muller que coincidía coa que buscaban.

Por estes feitos, a Policía elaborou un complexo dispositivo, polo que conseguiron localizar e deter á presunta estafadora á primeira hora do domingo en Soutomaior.

Unha vez en comisaría, comprobouse que a detida tiña cinco antecedentes policiais anteriores -varios deles polos mesmos feitos-, tras o que foi posta a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Redondela.

20 de abril de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.