publicidade hoxe

Cores Tourís visitou o concello de Mondariz para coñecer o novo proxecto de mellora da praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao concello de Mondariz

Cores Tourís na visita ao concello de Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Mondariz para coñecer o proxecto que manexa o concello para a execución dunha nova mellora da praza de abastos.

O obxectivo é seguir a mellorar este edificio para que siga a ser o motor do dinamismo comercial do concello de Mondariz, xa que atrae a bo número de veciños da comarca, tanto os días de feira como os días de mercado.

Deste xeito, o novo proxecto do municipio supón a demolición do pavimento en lugares en que se presenten desprendementos e a colocación dun novo chan, así como o rebaixe do chanzo de acceso traseiro á praza e a construción dunha rampla que garanta a accesibilidade do edificio, para o cal tamén se rebaixará o chanzo da porta do baño.

O concello quere tamén levar a cabo outras tarefas como o recebo de paredes, a aplicación de pintura plástica, de resina coloreada, de vinilos decorados coa imaxe do concello e a instalación de rótulos sobre cada posto de venda.

Ademais, entre as obras a realizar tamén se atopa a colocación de sumidoiros lineais de formigón con reixa superior para a recollida de augas dos mesados, a colocación dunha porta corredía de cristal de apertura automática con detector de presenza e dun punto de información. A maiores, se colocará un punto de recollida centralizada de lixo separado para a reciclaxe e unha consigna para o gardado de bolsas dos usuarios e comerciantes, así como bancos de madeira pegados ao muro da fachada.

Finalmente, segundo lle trasladou o alcalde Julio Alén ao delegado territorial, se desmontarán as tubaxes aéreas existentes e se instalará a fontanería e o saneamento para os fregaderos das bancadas centrais; se porá un novo alumeado con punto de luz LED e se substituirán fregaderos por tomas de auga nas paredes.

1 de abril de 2015 | 15:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.