publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Conde sinala á artesá Idoia Cuesta como exemplo de talento, calidade e innovación do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOuteiro de Rei
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe á artesá Idoia Cuesta como exemplo do talento, a calidade e a innovación do sector artesán galego. Conde, que visitou en Outeiro de Rei o obradoiro da profesional que vén de ser recoñecida nos Premios Nacionais de Artesanía, na categoría de premio Produto, destacou que Cuesta “revoluciona a cestería tradicional galega” e que é “un referente e unha mostra do traballo da Artesanía de Galicia”.

O conselleiro, que felicitou a Idoia Cuesta, salientou que o premio é tamén un recoñecemento para todo o sector, destacando o traballo dos máis de 5.000 artesáns e máis de 500 empresas rexistradas. Sinalou así mesmo que a presenza no eido internacional é “un paso definitivo para consolidar a marca Artesanía de Galicia”, poñendo de relevo o “esforzo importante dos nosos artesáns para saír fóra”.

Conde, que destacou tamén a aposta de Idoia Cuesta e dos artesáns galegos por incorporar novos materiais e novos produtos, e a colaboración con outras disciplinas, na liña do contemplado no Plan de Artesanía de Galicia, apuntou que é “un orgullo para Galicia que poidamos ter este Premio Nacional aquí”.

Do mesmo xeito, lembrou que a Asociación Galega de Artesáns (AGA), tamén foi recoñecida na última edición dos Premios Nacionais, na categoría de Promociona para entidades privadas. Precisamente o obradoiro de Idoia Cuesta é un dos talleres artesáns incluídos na app Obradoiros Abertos, pola cal foi premiada a AGA. Esta iniciativa achega información e xeolocaliza cada obradoiro visitable e os puntos de interese artesán, e vén de ser incluída e ampliada na iniciativa da Xunta Rutas de Artesanía.

O sector artesán galego ten cada ano un importante recoñecemento nos Premios Nacionais de Artesanía, con nove gañadores galegos e unha mención especial nas nove edicións celebradas ata a data, ademais dun total de oito finalistas.

21 de abril de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.