publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Chega aos cines o último traballo de Alber Ponte, o filme ‘Little Galicia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

O director galego Alber Ponte estrea esta semana nas salas de cine españolas o seu último traballo ‘Little Galicia’, un filme sobre o “desarraigamento” e os “soños por cumprir” que demostra que “ás veces, as mentiras son necesarias”. O director e o equipo desta película, protagonizada por Gustavo Salmerón, Fran Grela, Mabel Rivera, Jose Ángel Egido, Pomba Bloyd, Adria Arjona e Fermín Reixach; participou este mércores en Santiago na preestrea da cinta, que chegará ás salas o próximo día 17.

A comunidade galega en New Jersey e o seu ‘Little Galicia’ foron o xerme que inspirou a Alber Ponte a levar a cabo esta película, cuxa idea xurdiu en 2007.

A pesar de que a comunidade galega no estranxeiro está presente, para o director a película trata “temas máis antigos que a crise”, como son “o orgullo”, o “desarraigamento” e a “necesidade de crer nos soños”, algo que leva aos seres humanos a “falsealos un pouco”.

Nunha entrevista concedida, Alber Ponte sinalou que a película recolle a esencia humana que obriga a “crer que as cousas non van tan mal para poder seguir” e definiuna coa advertencia de que “ás veces as mentiras son necesarias”.

“Os personaxes da película practicamente todos menten, pero son mentiras que o espectador tamén faría”, apuntou o director, que se mostrou moi satisfeito pola acollida da cinta nos pases previos celebrados en Galicia e Andalucía xa que, “con públicos tan dispares a resposta foi a mesma” e conseguiu que o espectador se identificase” coa historia.

OS SOÑOS POR CUMPRIR

Para o director, a película toca cuestións como o “desarraigamento dunha persoa” que está “lonxe da súa terra”, aínda que “fala máis dos soños” que todo ser humano necesita cumprir e “das pequenas batallas que se van gañando” no día a día.

Alber Ponte tivo grandes palabras de eloxio para o equipo que traballou na película, especialmente para os actores, e augurou premios Goya para eles.

En particular, destacou os papeis protagonistas, de Gustavo Salmerón e Fran Grela, que durante un ano ensaiaron os seus personaxes pero que, a dúas semanas de iniciar a rodaxe, o director decidiu cambialos. “Era un gran risco, pero estou moi contento, porque acertei de pleno”, sentenciou.

15 de abril de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.