publicidade hoxe

Cervo recibe a 30 alumnos franceses de intercambio que pasan 10 días na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Estudantes franceses na visita a Cervo

Estudantes franceses na visita a Cervo

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Cultura, Begoña Alonso, recibiron hoxe na Casa do Concello a 30 alumnos de intercambio escolar co IES Marqués de Sargadelos procedentes do centro de Francia que pasarán 10 días no municipio. Trátase de estudantes do instituto Les Clorisseaux, na vila de Poilly-Lez-Gien, que cursan 4º da ESO.

Un acto de recepción no que o rexedor convidounos a “percorrer o noso concello, pasar unhas xornadas agradables, aproveitar esta experiencia, que ben seguro será moi frutífera, e a facer amigos”. Os estudantes fixeron preguntas sobre o municipio e amosáronse agradecidos pola acollida.

Esta iniciativa de intercambio repítese cada dous anos entre o IES Marqués de Sargadelos e o centro francés cun dobre obxectivo: por unha banda, aprender outros idiomas, e pola outra, descubrir e coñecer o país veciño. Para iso, seis meses antes do intercambio os centros poñen en contacto ao alumnado participante a través das redes sociais para favorecer un primeiro achegamento. Despois, durante a estancia, permanecen en fogares de estudantes locais.

O alcalde valorou esta iniciativa de forma moi positiva xa que este tipo de actividades “fomentan a convivencia, contribúen á apertura ao exterior do alumnado e do centro, compartindo o seu tempo con escolares da mesma idade pero doutro país”. Antes, hai menos dun mes, os estudantes cervenses xa estiveron na vila francesa xunto aos seus compañeiros.  

Dentro do programa de visitas, o alumnado de Poilly-Lez-Gien xa ten asistido a clases xunto cos seus compañeiros, e teñen previsto visitar diferentes puntos do noso municipio, así como tamén da Mariña e da comunidade.

20 de abril de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.