publicidade hoxe

Cedeira ofrece propostas cinematográficas para nenos e maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira ofrece esta Semana Santa propostas cinematográficas para nenos e maiores. Así, este xoves, 2 de abril, e venres, día 3, o Auditorio Municipal acollerá os pases do filme infantil “Los Cinco: El misterio de la Joya escondida” (ás 18,30 horas) e “Samba” (20,30 h), unha película actualmente na carteleira de moitas salas comerciais. En ambos casos, co prezo habitual das entradas a 2,5 euros.

“Los Cinco: El misterio de la Joya escondida” narra as aventuras dos Cinco: George, Julian, Dick, Anne e o seu can Tim. Todos eles emprenden a súa primeira acampada en bicicleta pero cunha novidade, por primeira vez “sos, sen os pais”. Cando deciden establecer o campamento atópanse cun rapaz chamado Hardy, do que tratarán de desfacerse, pero entón, un dos Cinco é secuestrado. A partir de ahí, tentarán averiguar o seu paradoiro.

Pola súa banda, “Samba” é unha comedia dramática francesa que fala de amizade e inmigración. Aborda a historia de Samba, un cidadán senegalés que decide labrarse un futuro en Francia e que, para iso, asume varios empregos humildes, e de Alice, unha executiva que pasa por unha mala racha. Ambos tentan saír adiante e, ao final, o destino quere que os seus camiños se crucen.

Así mesmo, o domingo, 5 de abril, o Auditorio acollerá ás 19 horas a ópera “La Traviata”, interpretada pola compañía Camerata Lírica de España. Trátase da ópera máis representada nos últimos cen anos nos principais teatros do mundo. A súa programación é sinónima de afluencia e éxito de público e algunhas das súas melodías traspasaron o meramente operístico para converterse en parte da banda sonora da humanidade, como o famoso brinde. A súa fama é tan enorme que calquera persoa, por moi afastada da música clásica que se encontre, a recoñece como ópera. Foi estreada no teatro La Fenice de Venecia o 6 de marzo de 1853 con libreto de Francesco Maria Piave, baseado na novela de “A dama das camelias” de Alexandre Dumas hijo (1852). A gran popularidade desta obra motivou a Camerata Lírica á hora de realizar unha adaptación que poida programarse para todo tipo de público nas diferentes Redes e Circuítos escénicos do país. O resultado é unha completa adaptación escenificada en case toda a súa extensión con acompañamento de piano, áxil, moi amena e comprensible que mantén as formas máis ortodoxas da ópera, tanto musicais, coma escénicas (attrezzo e vestidos de época), realizado e executado por cantantes de nivel internacional, que entusiasmará ao público neófito e non defraudará o afeccionado. As entradas, a cinco euros.

1 de abril de 2015 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.