publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Bugallo desexa que se pechen os casos dos alcaldes de Caldas e Camariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisCamariñasGaliciaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo expresou este mércores o seu desexo de que se arquiven as causas abertas contra os alcaldes de Caldas de Reis (Pontevedra), Juan Manuel Rey, e Camariñas (A Coruña), Valeriano Alonso de León, posto que “as normas” do PSOE “son as que son” e sentar no banco dos acusados implicaría a súa saída do partido.

Preguntado en rolda de prensa se cre que o código ético do PSOE debería facer excepcións en certos casos, Bugallo rexeitou dicir “que ten que facer” o seu partido pero si indicou que “as normas son as que son”.

No que si afondou é en que a situación de ambos os dous rexedores é “un disparate” que podería causarlles “danos absolutamente desproporcionados”, dado que “non se trata de dous delincuentes” ou de dúas persoas que se “aproveitaran do seu cargo”.

“Espero que os dous casos se resolvan, porque son dous magníficos alcaldes moi queridos polos seus veciños”, incidiu o exrexedor compostelano, quen apuntou tamén que Caldas e Camariñas son “dos escasísimos concellos que o PSOE goberna dende o ano 79 de forma ininterrompida”.

“NON SE SOSTÉN”

En concreto, sobre o primeiro edil caldense recordou que el “aboou todas as súas multas” e “a única” que se pagou con cargo ás arcas municipais foi durante unha estanza súa no estranxeiro e que, con posterioridade, el mesmo reintegrou esa contía. “Estamos a falar de 1.000 euros”, situou.

“Pareceríame terrible que un alcalde querido e respectado polos veciños, que non teño ningunha dúbida de que se isto se resolve será reelixido, poida ver truncada a súa vida e o desexo dos veciños por unha historia como esta, que non se sostén”, advertiu Bugallo, convencido de que o caso “non ten máis camiño que ser arquivado”.

E, tras expresar a súa “confianza absoluta” en José Manuel Rey, falou do “desastre” que suporía a apertura de xuízo ao alcalde de Camariñas por permitir a utilización puntual do tanatorio municipal antes de contar con todos os permisos de sanidade.

“A Xustiza sempre a vemos cega ou cos ollos tapados e, ás veces, efectivamente dá a sensación de que as cousas son moi complicadas”, reflexionou, sen deixar de reiterar que sería “unha auténtica desgracia” que ambos os dous rexedores teñan que renunciar ao seu cargo ou ao seu militancia por “unha controversia”.

8 de abril de 2015 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.