publicidade hoxe

Brión celebra o Día do Libro coas presentacións literarias de María López Sández e Mariña Pérez Rei e dúas sesións de teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión conmemorará o Día do Libro con dúas sesións de teatro e con dúas presentacións literarias, a cargo das escritoras María López Sández e Mariña Pérez Rei. Catro actividades que terán lugar entre o xoves 23 de abril e o sábado 25 de abril, todas elas de participación libre e de balde.

Así, o xoves 23 de abril, ás 20:30 horas, a escritora María López Sández presentará na Sala de Exposicións municipal “O faro escuro”, unha novela publicada pola Editorial Galaxia. Estará acompañada por Víctor Freixanes, recoñecido xornalista, editor e escritor.

O venres 24 de abril, Mariña Pérez Rei, profesora do IES de Brión, presentará “Boca de gárgola”, un libro de poesía editado por Círculo Rojo. Trátase dunha obra en torno a Compostela que ven acompañada dunha exposición de imaxes do fotógrafo Martín Pérez Fernández, que complementan os versos da autora. A presentación terá lugar ás 20:30 horas na Sala de Exposicións da Casa da Cultura.

Teatro para toda a familia

Previamente, ese mesmo venres 24 de abril pero ás 17:30 horas, Raquel Queizás presentará “A maleta da avoa”, un espectáculo de contacontos con obxectos e monicreques dirixido a nenas e nenos a partir de 3 anos de idade. Esta actividade, patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia, terá lugar na biblioteca municipal de Brión ou na Sala de Exposicións da Casa da Cultura (dependendo do número de asistentes).

Finalmente, o sábado 25 de abril, Teatro Charamela presentará no Teleclube de Ons a obra “Almas Sinxelas”, un sainete do autor ourensá Xavier Prado Lameiro. A función será nesta ocasión media hora máis tarde o habitual, é dicir, ás 21:00 horas. O acceso será de balde ata completar aforo.

21 de abril de 2015 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.