publicidade hoxe

Besteiro considera amplas e competitivas as candidaturas do PSdeG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de “amplas”, “competitivas” e “moi renovadas” as candidaturas desta formación nas próximas eleccións municipais, malia non poder pechar listas en 14 municipios. A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza nunha conferencia da candidata á Alcaldía da Coruña, Mar Barcón, Besteiro manifestou que “o 99% dos galegos” terán a posibilidade de “cambio e recambio en moitos sitios”.

Así, defendeu que as candidaturas do PSdeG responden a “un proxecto maioritario”, mentres que rexeitou que o partido teña “un problema” na provincia da Coruña pola imposibilidade de configurar candidaturas nalgúns dos seus municipios.

Ao respecto, asegurou que “ás veces se fan listas por facelo” e, fronte a iso, defendeu que os socialistas galegos apostan por listas con “compromiso”. “As opcións políticas maioritarias teñen fortaleza institucional e compromiso municipal”, sinalou en alusión ao PSOE, ao PP e ao BNG.

ALCALDE DE CULLEREDO

Mentres, preguntado polo alcalde de Culleredo e secretario provincial dos socialistas coruñeses, Julio Sancristán, tras publicarse que avalou un crédito por importe de 1,3 millóns de euros a unha promotora inmobiliaria, eludiu pronunciarse e se remitiu ao comunicado que fixo público o rexedor este martes e á rolda de prensa que dará este mércores.

“Seguro que a valoración será aclaratoria”, indicou Besteiro a este respecto. Ademais, ao ser preguntado se falou con Sancristán, precisou que ten comunicación “con todo o mundo”.

Por outra banda, aproveitou ante os medios de comunicación, e coincidindo coa conferencia de Mar Barcón, para situar esta como a persoa que pode promover “a recuperación da gran Coruña”. Ao respecto, instou os coruñeses a preguntarse “se están mellor ou peor que hai catro anos”, engadiu sobre o mandato popular.

22 de abril de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.