publicidade hoxe

Besteiro confía na inocencia do alcalde de Caldas pero insiste en que ten que deixar o PSdeG

Europa Press

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reafirmouse na “inocencia” do alcalde de Caldas, José Manuel Rey, aínda que insistiu na aplicación do “código ético”, polo que non se poderá presentar baixo as siglas do PSOE tras a apertura de xuízo oral contra el.

“Confío plenamente na inocencia do alcalde de Caldas, pero hai un código ético que cumprimos en toda España”, abundou Besteiro, quen se mostrou “confiado” en que “non vai haber unha sentenza de culpabilidade” para o rexedor caldense.

Non obstante, incidiu en que o partido “ten un código que cumprir, porque tamén así é un exemplo para toda a sociedade”. Así, defendeu que o partido socialista “o que promete, o cumpre” e remarcou que “o código ético ata a todos, do primeiro ao último”.

Besteiro recoñeceu, con todo, que a aplicación do devandito código “se fai con dor, cunha convicción clara de que o alcalde de Caldas é absolutamente inocente e esa confianza perdurará”. “A nosa confianza nel é cega e ao cen por cen. Máis non podo achegar sobre esa cuestión”, resolveu.

Ao respecto de se os socialistas presentarán lista nese concello pontevedrés, dixo que non se ía “poñer nunha situación de hipótese sobre esa cuestión”. “O que está claro é que as normas do Partido Socialista teñen que ser cumpridas, aínda que neste caso cunha profunda dor e coa convicción de que efectivamente facemos o que debemos de facer”, concluíu.

PEDRAFITA

Por outra banda, á espera de que se formalice a alta do alcalde de Pedrafita no PSOE, recuperando a militancia logo de renunciar a esta despois de 30 anos e tras ser imputado na suposta trama das multas de tráfico pola que logo foi desimputado, os socialistas reciben a José Luis Raposo como “un dos nosos”.

Así o puxo de manifesto o secretario xeral do PSdeG, quen dixo que con este recibimento se lle quere “recoñecer un traballo tantísimos anos nun pobo en que hai un antes e un despois do alcalde de Pedrafita”.

Dito isto quixo trasladar “todas as mostras de cariño, non solo do partido senón da cidadanía en xeneral” ao respecto do anuncio do “retorno”, que é “un retorno esperado” polos socialistas.

“Pero el tiña que ser que dese ese paso e no momento que o desexase as portas do partido socialista están abertas para todos e para José Luís Raposo aínda un pouco máis”, abundou.

A pasada semana Raposo anunciou que se se presentaba o ía facer, de novo, baixo as siglas socialistas, tras case un ano exercendo como independente a raíz da mencionada imputación que logo tombou a Audiencia Provincial de Lugo.

6 de abril de 2015 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.