publicidade hoxe

Arzúa Vende ofrecerá unha variada programación na súa cuarta edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Concello de Arzúa organiza para o sábado, dous de maio, a cuarta feira de artigos de segunda man e artesanía. A cita, que leva o nome de “Arzúa Vende”, repite neste ano despois do éxito de participación e de vendas acadado nas edicións anteriores. O evento continuará co obxectivo de convertirse nun marco de compra e venda no que tanto os veciños e veciñas de Arzúa como tamén xente de fóra poidan vender ou mercar artigos de segunda man e obxectos de artesanía.

A feira celebrarase no Recinto Feiral Terra do Queixo dende as once da mañá e ata as oito do serán e conta xa cunha programación que ofrecerá durante todo o día diversas actividades. Pola mañá, ás doce do mediodía, haberá unha demostración de como crear rosas con material de refugallo. Esta actividade é aberta e non precisa de inscrición previa.

Por outra parte, durante a xornada, tanto pola mañá como pola tarde, o público que se achegue poderá ver unha interesante exposición de ‘Fotoxornalismo’ e que se poderá visitar na aula 4 situada no primeiro andar do recinto feiral das 11:30 ás 13:30h e das 16:30 ás 18:30h. Neste mesmo horario, os máis pequenos poderán desfrutar dun inchable infantil totalmente de balde.

O concerto do grupo ‘Os Superheroes’ pechará a xornada cun recital diferente, orixinal e moi animado baseado en cancións de series televisivas de debuxos animados de todos os tempos ata a actualidade. Esta proposta musical de carácter familiar dará comezo ás seis e media da tarde.

A mostra contará tamén con servizo de bar durante a xornada.

Dende a organización recordan que para participar en calquera dos tres apartados (segunda man, artesanía e roupa, calzado e complementos) é imprescindible anotarse previamente. Lémbrase que a inscrición é gratuíta e está aberta dende hoxe, martes 7 de abril, e ata o vindeiro día 24 deste mesmo mes no Departamento de Cultura ou na Oficina Municipal de Información Xuvenil chamando aos teléfonos 981 500 222 ou 981 815 297. As prazas son limitadas e cubriranse por rigurosa orde de inscrición.

7 de abril de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.