publicidade hoxe

Área Santiago organiza unha viaxe de xornalistas e pescadores deportivos para promocionar como atractivo turístico a pesca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaArzúaBoqueixónLalínLocal PortadaMelideO PinoOrosoPadrónRoisSantiago de CompostelaSilledaTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+

Área Santiago organizará unha viaxe de xornalistas e profesionais do sector da pesca deportiva para promocionar os seus atractivos como destino para os pescadores afeccionados. Os técnicos dos 16 concellos que colaboran no grupo de traballo de promoción turística reuníronse no edificio Cersia para ultimar as características desta viaxe, que servirá para a posta en valor das posibilidades da zona como destino para a pesca. Na viaxe participarán once persoas, entre xornalistas e pescadores deportivos que participan habitualmente en campionatos, tanto en España como internacionalmente. No relativo aos xornalistas, destaca a presenza do responsable de pesca da canle de TV especializada Caza e Pesca, redactores da revista Jara y Sedal, que conta tamén cun programa en televisión, e da revista Flymage, especializada na pesca a mosca.

Tamén participarán varios pescadores deportivos como Ander Pérez, subcampión de Europa e campión de España; Arkaitz Martín, tamén campión de España e mundialista en varias ocasións coa selección española; ou Josu Pérez, subcampión de España. Ademais, asistirá un representante dun touroperador xaponés con presencia en España interesado en ofrecer contidos de pesca aos seus clientes nipóns.

A organización desta viaxe continúa coa liña de traballo de Área Santiago para aproveitar as posibilidades da pesca como recurso turístico, partindo de dous feitos: por unha banda, o territorio do grupo está fondamente marcado por dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, así como polos seus afluentes; por outra, a pesca ten demostrado noutros territorios, como Canadá, Irlanda, ou países do leste de Europa, que pode ser un recurso turístico con gran atractivo.

O río Ulla é, por lonxitude e caudal, o terceiro río en importancia de Galicia. Ten una lonxitude total de 132 quilómetros, con destacados afluentes como o Deza, o Toxa, o Liñares ou o Furelos. A segunda conca fluvial en importancia da Área Santiago é a do río Tambre, cunha lonxitude total de 134 quilómetros e con dous afluentes salientables como o Dubra e, sobre todo, o río Lengüelle. Tamén o río Umia pasa polo Concello da Estrada.

Área Santiago é un grupo de traballo para a promoción turística conxunta no que participan 16 concellos: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, Padrón, Oroso, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces, que suman máis de 200.000 habitantes.

27 de abril de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.