publicidade hoxe

Arbo espera superar os 25.000 visitantes na LV Festa da Lamprea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboCalendarioLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación da LV Festa da Lamprea

Presentación da LV Festa da Lamprea

O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, foi o escenario escollido para a presentación, esta mañá, da LV Festa da Lamprea de Arbo, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de abril.  A deputada Begoña Estévez e o alcalde da localidade foron os encargados de desvelar algunha das novidades desta festa na súa 55 edición.

A cita gastronómica máis emblemática da comarca volve celebrarse na última fin de semana de abril; ademais, recupera a  Arbomostra, a feira multisectorial de referencia, que abrirá as portas da súa 21 edición o venres 24 de abril.

A Feira Agroindustrial e Artesanal da Bisbarra do Condado-A Paradanta contará cunha importante representación de adegas acollidas á DO Rías Baixas e restauradores, que ofrecerán degustacións de lamprea e viño a prezos populares. Tamén se poderán observar lampreas vivas en viveiros instalados para a ocasión e coñecer as últimas novidades do sector agroindustrial.

Máis de 25.000 visitantes

A Arbomostra é só unha das novidades e atractivos que presenta o “completo programa de actividades para todos os públicos” proposto polo Concello para a LV Festa da Lamprea, que este ano, en palabras do propio alcalde, “espera superar os 25.000 visitantes da pasada edición”.

Nesta 55 edición Josemi Rodríguez Sieiro, o coñecido colaborador en diferentes medios de comunicación nacionais, será o pregoeiro dunha cita gastronómica na que se poderá desgustar a “mellor lamprea das Rías Baixas”. Ó mesmo tempo, como manifestou a deputada Begoña Estévez, a festa constitúe “unha oportunidade para visitar a comarca do Condado-A Paradanta”.

Con motivo desta cita gastronómica, ademais de veciños e visitantes de concellos próximos, serán moitos os turistas chegados doutros puntos de España e Portugal os que visiten a localidade e os arredores nesas datas. De aí “o interese de conseguir que a festa sexa declarada de Interese Turístico Nacional”, asegurou Horacio Gil; en 2005 a Festa da Lamprea de Arbo acadou o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Festa para todos os públicos

A LV Festa da Lamprea de Arbo comezará oficialmente o venres 24 de abril, ás 17:30 h, coa inauguración de Arbomostra, e coa celebración da Gala da Lamprea no auditorio do Centro Multiusos, ás 20:30 h. A música de Rosa Cedrón e Xosé Manuel Budiño porá o broche de ouro á xornada nun concerto que terá lugar na praza do Mercado a partir das 23:00 h.

O día grande será o sábado 25. Logo da recepción das autoridades, Josemi Rodríguez Sieiro será o encargado de ler o pregón antes de que comece o xantar da lamprea. O domingo será a fin de festa, con diversas actuacións e actividades para todos os públicos.

20 de abril de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.