publicidade hoxe

Abegondo iniciou o plan de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

A cuadrilla de persoas en paro contratadas polo Concello impulsado pola decisión do alcalde, José Antonio Santiso, e da súa secretaria de doar a paga extra de 2012 xa está en funcionamento. A súa función consiste en levar a cabo pequenos traballos de interese público, permitindo que adquiran experiencia á vez que melloran servizos para o conxunto dos veciños. En concreto están a levar a cabo diversas obras de dotación de saneamento. A primeira está a ter lugar en Regueiro da Vila, na estrada de Abegondo a Presedo. Están a instalarse colectores para completar así a rede de saneamento existente. Posteriormente, outro dos traballos que realizarán será a dotación da rede de fecais na parte traseira do cemiterio de Abegondo.

A cuadrilla seguirá os seus labores en San Tirso de Mabegondo, de novo con ampliacións do saneamento. En concreto instalarán rede na contorna do campo de fútbol. E finalmente darán servizo nalgún punto do núcleo de Vilar, en Crendes. Á contía da paga extra de 2012 de alcalde e secretaria uníronse as dietas percibidas este mandato polos ex asesores, aos que por imperativo legal foi necesario asignarlles un pequeno salario (75 euros ao mes) que automaticamente cedían ao propio Concello. E o Concello completou esta consignación cunha achega de 20.000 euros. Son 4 os traballadores que conforman a brigada que terá unha vixencia de 4 meses. “É un graniño de area para apoiar ás persoas en situación de desemprego de Abegondo”, sinala Santiso.

Santiso explica que desde o primeiro momento os entón asesores manifestaron a súa intención de que absolutamente todo o que tiñan que percibir, porque así o secretario municipal había ditado que era obrigado, repercutiría integramente nos veciños e tamén el e a súa secretaria, ao coñecer a anulación da extra de 2012, decidiron promover esta iniciativa que agora se pode levar a cabo. Esta cuadrilla únese aos plans de emprego e de formación que anualmente executa o Concello co apoio da Xunta e a Deputación.

11 de abril de 2015 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.