publicidade hoxe

A Xunta licita por 317.000 euros as obras da rede de abastecemento de auga potable aos núcleos ribeiregos do Páramo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Páramo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación da primeira fase da rede de abastecemento de auga potable aos núcleos ribeireños, no Concello do Páramo, por un importe de 317.000 euros. Trátase dunha actuación que se leva a cabo en base a unha colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e este municipio da provincia de Lugo.

Estas obras, que abonará Augas de Galicia, teñen por obxectivo dotar dunha rede de saneamento axeitada aos núcleos do Concello do Páramo.

Este concello está constituído por unha zona principalmente rural e cunha poboación moi dispersa e diseminada, estruturada arredor de 18 parroquias. Non dispón dunha rede de distribución de auga propiamente dita, e especialmente nas parroquias dos núcleos ribeiregos que son zonas que non teñen subministración de auga con garantías sanitarias e abastécense a partir de pozos particulares.

Nas zonas que si contan con subministración, o sistema consiste nun conxunto de subredes independentes que recollen as augas de mananciais próximos e condúcenas ás vivendas. Este sistema inicialmente permite o aproveitamento de mananciais de auga natural con boa calidade, pero presenta carencias como a dificultade de controis sanitarios debido á captación en diversos puntos ou insuficiencia de caudal en época de estiaxe.

Para resolver os citados problemas, nesta primeira fase executaranse as actuacións correspondentes aos ramais de abastecemento de Santa Mariña-Cendoi-Teiquesoi e Quintela-Gondrame-Outeiro (Vileiriz). As obras consisten na execución de dous ramais de distribución en tubaxe de polietileno, que en total serán 6.362 metros, distribuídos do seguinte xeito: Santa Mariña – Cendoi – Teiquisoi: 2.530 metros de tubaxe de 90 mm de tubaxe en polietileno; Quintela – Gondrame – Outeiro (Vileiriz): 3.832 metros de tubaxe de 90 mm de tubaxe en polietileno.

A Xunta, mediante este tipo de colaboracións cos concellos galegos, pretende garantir a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e cumprimento da Directiva Marco da Auga. Neste sentido, tamén se garante o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poden facelo ata o vindeiro 7 de maio.

10 de abril de 2015 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.