publicidade hoxe

A Xunta destaca o crecemento da empresa de Santa Comba Novo Campo Plantenes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSanta Comba
A-
A+
Javier Aguilera na visita ás instalacións

Javier Aguilera na visita ás instalacións

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe o crecemento da empresa de Santa Comba Novo Campo Plantenes. Aguilera, que visitou a compañía acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, subliñou que o ano pasado esta incrementou a súa facturación en preto dun 20%, e que vende case o 90 por cento da súa produción fóra de Galicia, en mercados como Baleares, Canarias ou Azores, entre outros.

Creada hai cinco anos, a empresa Novo Campo Plantenes fabrica sementeiros para viveiros con plásticos reciclados e con tecnoloxías limpas, dado que o proceso de fabricación non require auga nin produce vertidos contaminantes. A medio prazo, a empresa prevé fabricar tamén produtos para o ámbito doméstico.

A Consellería de Economía e Industria mantén aberta á presentación de solicitudes á liña de préstamos directos Jeremie, dotada inicialmente con 8 millóns de euros, para apoiar novos investimentos empresariais e favorecer a xeración de emprego.

Estes préstamos contan con prazos de amortización de ata 7 anos con un de carencia e con xuros fixos referenciados ao euríbor. As bonificacións de xuros previstas nas bases da convocatoria permiten que os tipos efectivos resultantes poidan estar arredor do 1% para os préstamos de ata 300.000 euros.

Dotados con fondos Feder, os préstamos concedidos ao abeiro desta liña de financiamento de investimentos estarán comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros, e poden financiar ata o 70% de investimentos consistentes en novas instalacións produtivas, así como investimentos destinados a ampliar, modernizar ou diversificar a produción.

Mediante estes préstamos poden financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licenzas de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica.

9 de abril de 2015 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.