publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta desbloquea a Plisan con prezos de 50 euros por metro cadrado

Rolda de prensa. Foto: C. Paz

Rolda de prensa. Foto: C. Paz

Unha semana despois de adoptar a decisión de reducir o prezo do solo de todos os parques empresariais da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta desbloquea de forma definitiva a primeira fase da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, dotada con preto de 14 millóns de euros. Deste xeito, a PLISAN poderá ser unha realidade o máis pronto posible, con todas as garantías de comunicación e xurídicas. Como especificou, a licitación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea e, no vindeiro mes de maio, no Diario Oficial de Galicia.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a participación da Xunta neste proxecto será do 18%, a Autoridade Portuaria de Vigo investirá un 60% e a Zona Franca de Vigo, nun 21%. Así, tras superar os problemas xurídicos, “volvemos a facer o condominio, volvemos a pactar entre estas tres institucións que dependen de dúas administracións públicas: o Goberno de España e a Xunta de Galicia”, aseverou o mandatario galego.

Como explicou Feijóo, a primeira fase do proxecto, que á que se desbloquea agora, comprende parte do viario definido no proxecto sectorial como sistemas xerais, incluíndo o alumeado e as conducións necesarias para abastecemento, saneamento, gas, telecomunicacións, etc., para dar servizo ás parcelas das distintas áreas incluídas dentro da plataforma loxístico-industrial. A segunda fase, que se licitará antes de que finalice setembro, corresponderase coas obras de construción da estación depuradora de augas residuais e a da estación de tratamento de auga potable.

“Por tanto, damos unha mostra do que queremos facer en materia de solo”, indicou Feijóo, engadindo que “sabemos e somos conscientes da sensibilidade especial que neste momento existe pola competencia entre Portugal e Galicia e por iso desbloqueamos un aspecto fundamental dunha reserva de solo importantísima na zona máis perimetral con Portugal”. Como especificou, “cumprimos a sentenza do Tribunal Supremo e, en consecuencia, fixemos a modificación preceptiva que levou meses desde o punto de vista xurídico e agora comezamos a facer realidade a PLISAN”.

Así mesmo, o titular do Goberno galego fixo fincapé en que o obxectivo da Zona Franca, do Porto de Vigo e da Xunta “é que os primeiros 100.000 metros cadrados teñan un custe de 50 euros por metro cadrado”, reducindo en máis da metade o prezo do que custan en polígonos semellantes. “E, en consecuencia, imos seguir traballando e imos seguir poñendo a disposición da recuperación económica solo industrial en lugares axeitados, comunicados coas vías de alta capacidade e en zonas sensibles pola competencia que existe co país veciño”, destacou Feijóo.

30 de abril de 2015 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.