publicidade hoxe

A Xunta adxudica por 390.000 euros a mellora na depuradora e na rede de colectores do Concello de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudica as obras para a execución de melloras no sistema de saneamento e depuración no Concello de Neda por un importe de case 390.000 euros. Segundo consta na Plataforma de contratos públicos de Galicia (http://www.contratosdegalicia.es) Augas de Galicia adxudicou este contrato de obra hidráulica á empresa Construción Boalva, SL. O obxectivo da actuación é dotar a este concello daquelas infraestruturas das que carece, fomentando así o seu desenvolvemento económico e social. O prazo de execución das obras é de seis meses. Tras a sinatura do contrato, iniciaranse as obras, previsiblemente na primeira quincena de xuño, polo que se prevé que estas rematen a finais deste ano.

Este proxecto comprende a execución dos traballos necesarios para solucionar os problemas de funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da rede de colectores do concello de Neda. Estas obras beneficiarán a 4.757 habitantes deste municipio coruñés.

Na actualidade o sistema de saneamento de Neda presenta problemas de infiltracións na rede de colectores da zona rural, incompatibilidade do bombeo da estación de ferrocarril cun adecuado funcionamento da EDAR e incorrecta actividade do decantador secundario da depuradora.

Para resolver as citadas problemáticas no sistema de saneamento, levarase a cabo a renovación de colectores, evitando así a produción de augas brancas que se infiltran na rede e que proceden de mananciais e regatos.

O proxecto tamén recolle actuacións no bombeo da estación de ferrocarril, adecuando o seu réxime de funcionamento tanto á poboación servida como a un mecanismo compatible co bombeo de cabeza da planta. Para isto, dotarase este sistema de variadores de frecuencia que permitan axustar os caudais bombeados a valores próximos aos 50 m3/h.

Na depuradora executaranse optimizacións no sistema de pretratamento co fin de solucionar as súas carencias. Substituirase o pretratamento existente por unha planta compacta que inclúe cribado de grosos, transporte e compactación de residuos sólidos, desareado por decantación e desengraxado por flotación. Ademais, procederase á realización de melloras no decantador secundario, adaptando o comportamento deste equipamento a valores de funcionamento axeitados, instalando un módulo de 8,50 metros de longo, 2 metros de ancho e 1 metro de alto

29 de abril de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.