publicidade hoxe

A II Andaina Terras de Altamira contará con 200 prazas máis ante a demanda de solicitudes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A asociación xuvenil brionesa “O esquío no piñeiro” vén de incrementar 200 prazas máis, que se suman as 500 xa ofertadas, para a súa II Andaina Terras de Altamira, ante a alta demanda de solicitudes. Por iso a proba, que a agrupación desenvolve en colaboración coa Piscina Municipal de Brión, amplía o prazo de inscrición ata o próximo 7 de maio. Poden formalizarse online a través do blog da propia iniciativa http://andainaterrasdealtamira.blogspot.com.es/, ou presencialmente na Piscina Municipal de Brión.

O custo por inscrición é de 14 euros. Todos os participantes na ruta recibirán unha camiseta técnica transpirable e unha mochila de cordas deseñada por Xosé Vizoso, que levou ata o 2012 o departamento de deseño da fábrica de cerámica de Sargadelos. Amais destes dous agasallos, o prezo tamén inclúe os avituallamentos sólidos e líquidos que están compostos de auga, bebidas isotónicas, refrescos, froitas, empanadas, etc. Dende a organización tamén porán a disposición dos asistentes un servizo de duchas, piscina cuberta, recollida en caso de accidente ou lesión, servizos médicos de primeiro alcance ou aparcamento gratuíto. En definitiva, todo o necesario para o normal transcurso da actividade.

A II Andaina Terras de Altamira terá lugar o próximo día 16 de maio e prevé contar con ata 700 inscritos. O percorrido, de 50 quilómetros, terá como punto de saída e chegada a Carballeira de Santa Minia, comezando a ruta a partires das 09.00 horas. Durante as 12 horas que durará a iniciativa, os camiñantes poderán elixir o anel ou aneis nos que participa, segundo a distancia que desexe percorrer: 50 kms (Aneis 1, 2 e 3), 36 kms (Aneis 1 e 2 ou Aneis 2 e 3), 28 kms (Aneis 1 e 3); ou simplemente un dos aneis: 14 kms (Anel 1), 22 kms (Anel 2) ou 14 kms (Anel 3).

A Andaina “Terras de Altamira” naceu coa idea de dar a coñecer aos sendeiristas as bonitas paraxes do Concello de Brión e puntos de interese do municipio. Cunha boa aceptación o pasado ano, a ruta chega á súa segunda edición contando cun grande éxito de convocatoria e tendo que ampliar ata 700 as prazas dispoñibles.

29 de abril de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.