publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo impulsa un ano máis a MOEXMU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLugo
A-
A+

A Deputación impulsa novamente a MOEXMU, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril, tal e como confirmou hoxe a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante a presentación do evento, que tivo lugar no recinto Feiral Manuel Vila López. García Porto destacou que, un ano, máis a Deputación fará a habitual achega económica para financiar a cita, ademais de ceder 4 reses da Granxa Gayoso Castro, para poxa e sorteo.

Do mesmo xeito, o Centrad participará organizando demostracións en vivo de artesáns e unha exposición. García Porto destacou que “con esta iniciativa potenciamos o sector agrogandeiro da provincia”. Nesta liña, a Deputada destacou que “este certame é unha das máis de 50 actividades que teñen lugar nuns 40 Concellos lugueses e que, dende hai anos, contan co financiamento da Deputación, grazas aos máis de 3,6 millóns de euros do Plan Estratéxico de Subvencións, dirixido a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandería, pesca, comercio, turismo ou artesanía”.

A institución luguesa colabora coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Muimenta que recibirán este ano unha nova achega de 3.000 euros para a organización deste evento e 4 exemplares do rabaño de elite da Granxa Gayoso Castro, 3 para a poxa de Gando Selecto e unha para o sorteo.

Artesanía e audiovisual

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación facilitará, para completar as actividades da cita, unha exposición de complementos e xoiería en prata e coiro, así como traxes tradicionais. Os visitantes á MOEXMU poderán tamén ver traballar en directo a dous artesáns que ofrecerán demostracións en vivo de olería e de tear. A Deputación colabora tamén co cita a través da Fundación TIC, que un ano máis cubrirá coas súas cámaras as diferentes actividades programadas, para elaborar posteriormente material audiovisual co que promocionar o evento a través das redes sociais e medios de comunicación.

Importante cita para o sector

A MOEXMU reúne cada ano a máis de 12.000 persoas que se achegan ata Muimenta para desfrutar das actividades organizadas. Este ano celebrarase a 29ª edición do Concurso de Gando Frisón, único da provincia, e a 18ª Poxa de Gando Selecto. A cita complétase con 20.000 m2 de expositores de venta de artesanía, maquinaria, alimentación e todo tipo de produtos relacionados co sector agrogandeiro. A feira consolidouse como unha das máis importantes citas galegas, non só polo volume de negocio, que en anos anteriores superou ós 300.000 euros, senón tamén polos contactos entre vendedores e compradores que se materializan en ventas posteriores.

6 de abril de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.