publicidade hoxe

A Casa da Cultura de Fene acolle este xoves “Os contos de Joselín”, con Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez “Guti”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que o ciclo de monólogos programado polo Concello para conmemorar o “Día dos Museos” continúa este xoves, 30 de abril, co espectáculo “Os contos de Joselín”, a cargo de Quico Cadaval, José Luis Gutiérrez “Guti” e Celso F. Sanmartín. Dará comezo ás 20 horas na Casa da Cultura, con entrada gratuita. Iso si, é preciso retirar invitación –dúas por persoa como máximo- nestas mesmas instalacións culturais o mesmo xoves, dende as 16 horas.

Historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… está baseado no libro Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Un espectáculo que fai estalar o riso en todas as xeracións, dos maiores aos máis pequenos, sen distición.

Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, Quico Cadaval, José Luis Gutiérrez “Guti” e Celso F. Sanmartín, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incribles figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX. Joselín foi un home versátil e contraditorio: admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, supervendas discográfico en Galicia e España, e incluso en Arxentina, cos seus 23 “contos galegos” gravados.

A iniciativa forma parte do programa “Cultura no Camiño” que promove a Xunta de Galicia.

29 de abril de 2015 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.